“É tempo de priorizar a resposta fronte á crise e deixar calquer tipo de ruído innecesario porque moita xente o está pasando mal”, remarca José Antonio Quiroga
O secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, aproveitou hoxe para trasladar os seus parabéns a José Miñones trala súa designación como novo delegado do goberno en Galicia.
Ao respecto, Quiroga apostou pola “coordinación íntegra” entre a dirección do partido e a delegación do goberno para traballar na busca de solucións aos problemas dos galegos e das galegas.
“É tempo de unidade e de lealdade fronte á crise”, remarcou, ao tempo que incidiu en que “todo o partido debe estar volcado nas mellores políticas para facer fronte á crise”.
“O secretario xeral xa trasladou a todo o partido que é tempo de priorizar a resposta fronte á crise, porque este vai ser un ano clave para a reconstrución de Galicia”, engadiu o secretario de Organización do PSdeG.
“Agora non cabe máis que traballar fronte á crise con total lealdade coa dirección do PSdeG e co secretario xeral elixido pola militancia, polo que cómpre deixar calquer tipo de ruído innecesario”, sentenciou: “non é momento de medias tintas nin de xogar a confundir, porque moita xente o está pasando moi mal”.
Ademais, Quiroga subliñou que “agora non tocan cuestións orgánicas”, porque “ninguén entendería que nos dedicáramos a falar de nós mesmos no canto de buscar solucións aos problemas da xente nunha crise desta magnitude”.