O parlamentario arousán Julio Torrado sinalou que o PP ten “quedado en evidencia” ao votar en contra dunha proposta socialista para pedirlle á Xunta que interveña para evitar o peche da fábrica de Rons e manteña a actividade e o emprego na conserveira situada en O Grove e cun local en Mos. A iniciativa foi presentada por Torrado na Comisión de Pesca do Parlamento que se celebrou hoxe.
O Grupo do PP, que tiña anunciado o apoio á proposta, decidiu votar en contra logo de que os socialistas acordaran unha transacción para puntualizar que o mantemento da actividade e o emprego fora “como mínimo no volume actual”. Torrado sinalou que o PP ten demostrado “as reais intencións” do goberno galego cando “hai unha posibilidade” para salvar á factoría de Thenaisie Provoté.
Reclamoulle ao goberno galego que “colaboren na solución que hai enriba da mesa”, cunha proposta empresarial para facerse cargo do proxecto que quere desbotar a actual propietaria, Scandia. Dixo que “o contrario é paralizar, dificultar, impedir e torpedear a solución sen ofrecer outra”, logo de lembrar que o goberno galego “interveu a través do Igape, pero tarde e para paralizar” a solución.
O can do hortelano
Torrado sinalou que “o que non pode facer, e por iso queriamos o compromiso votado e firme, é xogar ao can do hortelano, nin facer nin deixar facer, bloqueando a única solución e dificultando que exista outra”. Apuntou que “a firma quere vender e hai alguén que quere darlle continuidade e salvar a lo menos ás 125 familias que dependen dese emprego” ademais dos traballos indirectos contratados por temporada.
O responsable socialista criticou o contraste entre a intervención do goberno galego ao “instrumentalizar Alcoa” antes das eleccións, e sinalou sarcasticamente que “todo o mundo viu ao PP manifestándose no Grove, encher a provincia de iniciativas e roldas de prensa” e concluíu que “ninguén o viu pero vai ser que os equivocados somos os demais”.
Julio Torrado mantivo un encontro co Comité de Empresa, que viaxou ao Parlamento de Galicia para seguir o debate, no que tamén participou o secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, e o portavoz de Industria, Martín Seco.