A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, acusou hoxe ao PP de “ridiculizar e minimizar” a linguaxe non sexista para rexeitar unha iniciativa socialista que pedía incorporar a linguaxe inclusiva ás leis xa aprobadas. A responsable socialista presentou na Comisión Institucional do Parlamento esta proposta en liña coas recomendacións da UE, pero que foi rexeitada polo PP.
Denunciou o “uso perverso e agresivo” por parte do PP, que recorreu á “mofa” contra a linguaxe inclusiva nunha deriva que “erosiona os valores básicos do Parlamento” e, advertiu, “non recoñecer as carencias debilita o sentido democrático”. Pierres demandou comezar coa revisión da normativa “recoñecendo o que non se fixo ben” e reclamándolle á Xunta “honestidade para recoñecer que a eliminación da linguaxe sexista non chega a toda a súa dimensión”.
A parlamentaria socialista reclamoulle á Xunta que incorporara as recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europa, que insta a eliminar as expresións sexistas “en tódolos ámbitos” e sinaladamente nas “leis ou libros de texto”. É a UE, sinala, quen está a instar aos gobernos a “realizar unha revisión sistemática” de tódalas leis, regulamentos e políticas para detectar a linguaxe sexista e uso de estereotipos de xénero”.
Pierres instou ao Executivo a comezar de forma progresiva a modificar a lexislación que persiste a día de hoxe con “abundantes exemplos de lexislación cunha utilización de linguaxe sexista” e con formas “discriminatorias ou androcéntricas” para adoptar unha “terminoloxía con perspectiva de xénero”.
Citou así á denominación do “Valedor” do Pobo, malia que a institución hai anos que é encabezada por mulleres, a regulación de colexios profesionais refírese a “podólogos”, “educadores sociais”, ou “protésicos”, a Lei de Confrarías de “pescadores” ou, no ámbito da sanidade, a Lei regula a historia clínica “dos” pacientes.
Sinalou ademais á Lei do Voluntariado de Galicia, que menciona aos cidadáns, aos individuos ou ao voluntario, e a Lei de Familia refire o “abandono do menor”, ao “fillo”, e ao papel dos “pais, titores ou gardadores”.
Perspectiva de xénero no urbanismo
A portavoz de Urbanismo e Igualdade do Grupo Socialista, Luisa Pierres, acusou por outra parte á Xunta de “esquivar” a súa obriga de implantación da perspectiva de xénero nos plans de urbanismo das vilas e cidades galegas. Pierres presentou unha pregunta en Comisión para reclamarlle á Xunta que cumpra co acordo parlamentario para facer unha guía para aplicar a perspectiva de xénero nos proxectos urbanísticos.
A responsable socialista denunciou a falla de compromiso do goberno galego para cumprir coa obriga fixada polo Parlamento, que en 2017 aprobou unha iniciativa socialista para elaborar “un documento guía” que sirva como base aos técnicos de urbanismo para “impulsar a obriga de integrar a perspectiva de xénero en todas as fases do proceso urbanístico” nos seus proxectos.
Advertiu que, na práctica, a Xunta segue sen aplicar o aprobado naquela iniciativa nas “actuacións de rehabilitación, rexeneración ou renovación das nosas vilas e cidades”. A parlamentaria socialista sinalou que esta falta de iniciativa é unha mostra clara da falta de compromiso dun goberno que só busca “maquillar de igualdade” as súas actuacións.
Pierres fixo unha análise do deseño urbano das nosas cidades as cales “planificáronse desde o punto de vista da produtividade”, que sempre “estivo ligada intrinsecamente ó home”. Explicou que a día de hoxe, moitas mulleres son xa traballadoras pero tamén son elas as que seguen completamente dedicadas ás labores de coidados, e son elas “as que senten como as cidades non responden sempre as súas necesidades”.
Tamén lembrou o problema de inseguridade que sofren as mulleres ante “a falta de iluminación, de paso de automóbiles, ou da invisibilidade que da a presencia de árbores”. Estes elementos ameazan a seguridade das nosas cidades, barrios e vilas, algo sobre o que “debera reflexionarse profundamente”.
A deputada lembrou o grave problema de xentrificación no que se atopan as principais cidades galegas, onde os “barrios novos das zonas periurbanas, ó estar concentrados tan só por un uso de vivendas, ocupadas principalmente por familias xóvenes, vese como son barrios desprovistos de vida durante gran parte do día”.