A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe ao goberno galego que destine Meirás á recuperación da memoria democrática das mulleres galegas. Castro presentou unha pregunta oral no Parlamento para “visibilizar ás mulleres, recoñecer a represión que sufriron e o papel vertebrador que tiveron na loita pola democracia e a autonomía galega”.
A responsable socialista criticou que “Feijóo leva anos collendo con papel de fumar todo o que ten que ver cos Franco e a ditadura”, ata o punto de que en 2017 sinalaba, en alusión a Meirás, que “O pazo era dunha familia galega, comprado con aportacións dos galegos e das galegas”.
Denunciou que logo de “meses querendo branquear aos Franco”, chegara a “distraer o uso de Meirás cara á figura de Emilia Pardo Bazán, o cal non vemos incompatible pero tampouco prioritario”. Criticou a “vergoñenta artimaña” e o “descaro” da Xunta para consolidar “de facto” un uso distinto do Pazo desviando a el a entrega de medallas Pardo Bazán no día da muller, o 8M.
Censurou que “de golpe quere desviar o foco das reivindicacións do movemento feminista o día 8 de marzo e apartar a memoria histórica do uso de Meirás”, e chegou a propoñer en ton sarcástico que “o próximo ano levade ao 8 de marzo o día de Rosalía, e así xa temos monopolizado e acurralado nun único día do ano todas as referencias femininas galegas”.
Paloma Castro aludiu ás recentes declaracións da conselleira de Igualdade “identificando igualdade con violencia de xénero”, cando “é unha parte importante, pero supón moito mais”, e cuestionou o desinterese amosado pola alto cargo cara ás mobilizacións relacionadas co 8M.
Memoria das mulleres
Castro lembrou que as mulleres galegas durante a ditadura “non só foron encarceradas, fusiladas e sometidas as torturas e acoso, senón que sufriran unha represión específica, unha represión ideolóxica e de xénero”. Reclamou así recuperar a “historia con perspectiva de xénero” fronte á xestión do goberno galego, que “meteu nun caixón” tódalas iniciativas para a recuperación da memoria iniciadas polo goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño.
Criticou a “ausencia total de políticas públicas de memoria democrática” e a “actitude de obscurantismo”, fuxindo do “deber de memoria coas persoas que foron perseguidas, encadeadas, torturadas e mesmo perderon os seus bens e ata a súa propia vida en defensa da democracia e da liberdade”, un deber que “colle aínda máis forza cando se trata de mulleres”.