Categorías: Actualidade

O Grupo Socialista reivindica servizos públicos “reforzados, de calidade e eficientes” fronte aos “recortes e privatización encubertas e descubertas” do PP

O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, fixo hoxe un chamamento á defensa duns servizos públicos “reforzados, de calidade e eficientes”. Arangüena interveu logo da Xunta de Portavoces do Parlamento, que fixou a orde do día do próximo Pleno do Parlamento, no que Gonzalo Caballero centrará a sesión de control a Feijóo na reivindicación dos servizos públicos como garantía fronte á crise sanitaria, económica e social da covid.

Pablo Arangüena defendeu o sector público como resposta á estratexia de recortes do PP, que supuxo a perda de eficiencia e a “privatización encuberta e descuberta” dos servizos públicos. Puxo como exemplo que o goberno galego teña tardado 10 anos en recuperar o nivel de investimento na sanidade do goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, e mantendo aínda 1.000 profesionais menos na Atención Primaria.

No nivel económico, sinalou á constitución da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, un ente público – privado para a xestión dos fondos Next Generation UE na que o goberno galego nin sequera ten a maioría do capital. Esta decisión, dixo, evidencia que a Xunta “fuxe da administración económica para a reactivación” e supón un “recoñecemento implícito” da urxencia de reforzar os servizos públicos.

O responsable socialista anunciou que o próximo Pleno incluirá unha Interpelación do Grupo Socialista para esixirlle ao goberno galego que cumpra coa paridade nos órganos de toma de decisión do Consello da dita Sociedade, que foi anunciado sen incorporar unha soa muller. Preguntou se “consideran que non hai mulleres capaces en Galicia”, e preguntou ademais “para que están o Igape e a propia Consellería de Economía” se necesitan crear este organismo.

Tamén presentarán unha pregunta oral para esixirlle á Xunta que responda dos motivos que os levaron a presentar as convocatorias de “Manifestación de Interese” aos fondos Next Generation UE “despois” de que o goberno de España lle remitira a Bruxelas o Plan nacional de recuperación e resiliencia. Esta decisión, resumiu, demostra que o goberno galego xestiona a recuperación económica “sen rumbo coñecido”.

Reactivación de Ferrolterra

O Grupo Socialista presentará ademais unha proposición non de Lei para esixirlle á Xunta que asuma as súas competencias en materia económica e industrial e presente un Plan de Reactivación para Ferrolterra, Eume e Ortegal, máis alá de remitirlle peticións ao goberno central. Lembrou que “non sabemos dos plans da administración autonómica” diante da crise destas tres comarcas cando o goberno galego é quen ten que captar investimentos.

O “escapismo de Feijóo”, resumiu, Arangüena, “non vai levar a Ferrolterra a ningún sitio”, antes de anunciar unha interpelación do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta un novo modelo eólico para Galicia. O modelo actual, dixo, baséase no Plan Eólico de 1997, completamente desfasado e que nin sequera está sometido a unha avaliación medioambiental estratéxica.

Alertou da excesiva proliferación de parques eólicos en plena Rede Natura, ademais do fraccionamento xeneralizado en “fraude de Lei” duns parques que só deixan o 5 por cento do seu rendemento nos concellos afectados. Esixiu un novo modelo eólico “dentro das competencias da Xunta, con máis control, mellor ordenación, menos portas xiratorias “como a de –a ex conselleira- Beatriz Mato”, con menos conivencia coas empresas, máis democrático e que beneficie a Galicia”.

Pobreza infantil

O Grupo Socialista presentará ademais unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta un Plan de Loita contra a Pobreza Infantil, que reaccione fronte ao preocupante incremento da pobreza en Galicia, acentuado pola crise da covid, e para esixirlle á Xunta que tome a iniciativa, invista os fondos dos que dispón e “deixe de facer caixa coa crise”.

Tamén presentarán dúas preguntas orais para que o goberno galego dea conta das actuacións da Xunta nas que se investiron os 105 millóns de euros do plan de investimentos recollido dentro do Plan Estratéxico Xacobeo 2021, así como sobre as actuacións previstas ante a perda continuada de postos de traballo no sector do comercio téxtil de Galicia.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Julio Abalde reclámalle á Xunta que “poña as pilas” e elabore un Plan estratéxico diante da caída da produtividade marisqueira

Reivindica axudas para garantir a supervivencia dun sector estratéxico para Galicia   O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio…

15/05/2024 14:38

Paloma Castro acusa á Xunta de “retroceder máis de 20 anos” nas política de Igualdade por seguir as teses da extrema dereita

Censura a devaluación da antiga Secretaría Xeral de Igualdade no novo goberno e alerta de que a reintegración do concelleiro…

15/05/2024 14:05

Besteiro esíxelle a Rueda “valentía” para atender ás demandas de transparencia formuladas pola Valedora e o Consello de Contas

Repróchalle ao presidente da Xunta que o PP se descolgara onte dun acordo parlamentario para pedir a continuidade das bonificacións…

15/05/2024 11:56

O Parlamento aproba a proposta socialista para instar á Xunta a promover políticas que impulsen a incorporación da muller ao traballo de calidade

Carmen Rodríguez Dacosta criticou que o PP, cando chegou ao Goberno no 2009, “eliminou todas as políticas de igualdade no…

14/05/2024 20:09

O PP vota no Parlamento en contra das bonificacións ás peaxes

Carlos López Font presenta no Parlamento como emenda o acordo de investidura coa proposta “sensata e coherente” para ir cara…

14/05/2024 19:35

O Parlamento aproba unha proposta socialista para reclamarlle ao PP que levante o bloqueo á renovación do CXPX

Paloma Castro denuncia a “utilización política” con Consello Xeral do Poder Xudicial por parte do PP e reclámalles que cumpran…

14/05/2024 19:23