Julio Torrado denuncia que a información achegada polo goberno galego é incompleta e solicita que ofreza “datos exactos de contaxiados, casos activos, curados e todos aqueles de que dispoña” para facilitar a coordinación da pandemia entre as institucións
O portavoz de Sanidade, Julio Torrado, insta á Consellería de Sanidade a modificar o sistema de información ofrecido aos concellos galegos. Demanda, ademais, que se acheguen “datos exactos de contaxiados, casos activos, curados e todos aqueles de que dispoña” para poder aumentar a coordinación institucional para combater a pandemia.
O responsable socialista realiza esta reclamación logo de que numerosas alcaldías e a Federación Galega de Municipios e Provincias solicitasen “maior información para poder servir de axuda e colaboración” na loita contra a pandemia. Torrado lamenta que, malia que a Xunta modificou a súa postura, a información que ofrece non é “concreta”, senón que achega “un mapa de gravidade por concellos, que non esclarece tendencias nin posición concreta”.
Esta falla de información sobre a pandemia, sinala o portavoz, “deixa de lado a colaboración institucional cos concellos”, impedindo accións coordinadas e complementarias. Ademais, destaca, que malia que estes datos son “mellor que nada”, non permiten “establecer posicións e evolucións que permitan aos concellos tomar medidas claras”.
Finalmente, o Grupo Socialista láiase de que a transparencia e a achega de información sobre a afectación da covid sexa “un dos elementos que está xerando maior confusión e disparidade de accións” por parte do goberno galego. Ademais, aseguran, que esta falla de “datos abertos”, non permite que investigadores, xornalistas ou axentes sociais, económicos ou políticos podan facer “análises propios e contribuír con conclusións”.