Martín Seco esixe á Consellería que rectifique para que o sistema de solicitude se poida realizar tamén presencialmente e “facilitar o trámite” á poboación do rural
O responsable de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de instar ao conselleiro de Medio Rural a “desculparse publicamente” por insinuar supostos cobros por parte dos funcionarios da Consellería por tramitar as solicitudes de curta de madeira. Fíxoo trala presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia.
Seco lembrou que o pasado 19 de novembro o conselleiro de Medio Rural anunciou en Twitter a posibilidade de realizar as solicitudes de curta de madeira a través de chamada telefónica no teléfono de información 012, “á vez que insinuaba que existían funcionarios que cobraban pola realización deste trámite de xeito presencial”.
“A indignación de moitos integrantes do colectivo foi maiúscula, o que ocasionou que organizacións sindicais, profesionais e numerosos axentes contestasen ao mencionado tuit, sen que o conselleiro dese probas da súa acusación”, aseverou Seco.
O socialista esixiu ao responsable da Consellería que “se desculpe publicamente” e “que detrás de dita desculpa haxa unha rectificación para que o sistema de solicitude se poida realizar tamén presencialmente”. Así, incidiu “facilítase o trámite”, xa que “moitos cidadáns no rural non teñen acceso a Internet ou carecen da capacidade técnica necesaria para poder realizar as solicitudes a través da vía telemática”.
Seco recalcou que as acusacións vertidas polo conselleiro foron “moi graves e inaceptables para vir de alguén que dirixe aos traballadores e traballadoras da Consellería de Medio Rural”. Así, subliñou que “a honorabilidade dos traballadores públicos non se pode poñer en cuestión sen achegar probas”.