O secretario xeral critica que “non tomou tres medidas positivas para os galegos”, cando a hostalería segue sen axudas directas da Xunta e non se reforzaron as residencias e o sistema de rastrexo do virus
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo hoxe “un balance crítico” dos 100 primeiros días de goberno de Feijóo, toda vez que “deixou a Galicia orfa na maior crise que se recorda”. “Non foi quen de tomar tres medidas positivas para os galegos e as galegas máis alá do marketing e do autobombo”, remachou.
Nese senso, o líder do PSdeG recordou que falta “apoio” para a sanidade pública e para fortalecer o sistema de rastrexadores; que faltan “persoal e protocolos” para garantir a seguridade nos centros de maiores; que ningún hostaleiro recibiu “ni un euro” en axudas directas da Xunta e que o goberno de Feijóo carece de “rumbo” no que atinxe aos proxectos europeos.
En definitiva, remarcou Gonzalo Caballero, os 100 primeiros días da nova lexislatura ofrecen un “folio en branco” no haber dun goberno “ausente” e carente “de xestión e de medidas”. “Tendémoslle a man dende unha oposición leal, porque o goberno galego está desnortado e non está á altura das circunstancias”, subliñou, consciente de que o PP “non sabe como afrontar unha crise económica de tanta envergadura”.
Só así se entende, remachou o máximo dirixente do PSdeG, que cando o goberno central presenta uns orzamentos expansivos, a Xunta deixe de lado as competencias propias e a recuperación da crise para demostrar que “só está preocupado de confrontar”. Proba diso é que, despois de pactar co BNG unha comisión de reactivación exprés, o PP decidira ampliar a súa duración para repetir, mañá, a comparecencia do vicepresidente económico, demostrando unha estratexia “errada” para a xestión dos fondos covid.
Mentres o goberno de España, dixo, “priorizou a saúde dende o primeiro momento” con “medidas ponderadas” e preocupado de facer efectiva a cogobernanza, o presidente da Xunta só está preocupado de “meter a cachola nos medios” anunciando as vacinas do plan do Ministerio de Sanidad, nun intento de “poñerse medallas que non lle corresponden”.
Aludiu así ás declaracións de Feijóo tratando de arrogarse o papel de “telonero do goberno” nunha campaña de vacinación que foi marcada polo goberno de España, que é quen ten que conseguir as vacinas e poñelas a disposición da cidadanía.
100 DÍAS SEN CHAMAR
Advertiu ademais que Feijóo leva 100 días de lexislatura nos que “non houbo unha soa xuntanza, unha soa chamada do presidente da Xunta para falar de como afrontar a crise, como acertar e construír un país mellor”.
“Mentres Feijóo intenta alardear de vocación de diálogo, non se puxo en contacto co PSdeG dende que recibiu a investidura”, engadiu Gonzalo Caballero, quen lamentou que Galicia padece un goberno “marcado pola inacción, a falla de compromiso e sen rumbo para defender ás persoas”.
Ademais, o líder dos socialistas de Galicia advertiu que o PP está “utilizando ao BNG para confrontar con España”, logo das declaracións do seu secretario xeral esta mesma fin de semana louvando aos nacionalistas. Sinalou que o PP está a empregar o “erro histórico” do BNG ao opoñerse aos orzamentos do Goberno de España “apoiando ás tres dereitas” para enfrontarse co goberno do España en base á “falacia” de que “España nos rouba”, que “non é respaldada polos datos”.