O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, chamou a “esclarecer por que o proceso de fusión e venta das caixas de aforros rematou tan mal para Galicia”. Así o dixo logo da constitución, por terceira Lexislatura consecutiva, da Comisión de Investigación sobre un proceso que deixou polo camiño “a galeguidade das entidades, 3.700 postos de traballo e un burato de 9.400 millóns de euros” de rescate financeiro.
O responsable socialista chamou a comezar de novo a traxectoria da Comisión, por terceira vez despois de que o PP a desactivara e deixara sen concluír nas dúas lexislaturas anteriores, e desta volta reactivada despois de que a Audiencia Nacional sinalara recentemente que Caixanova estaba saneada e fora forzada a fusionarse cunha Caixa Galicia con serios problemas.
Arangüena sinala que malia que a Xunta “trate de dicir que non tivo ningunha responsabilidade”, o certo é que varios directivos implicados, que remataron ingresando en prisión a raíz dunha denuncia do deputado socialista, son “os mesmos cos que Feijóo se facía fotos celebrando unha fusión que amparou, auspiciou e propiciou”.
Un proceso, dixo, que deixou un “burato” milmillonario que supón o 13 por cento do rescate total dedicado ao conxunto do sistema financeiro español para unha Comunidade Autónoma que ten o 6 por cento da poboación. Explicou que a día de hoxe as caixas “son un banco privado que mañá mesmo pode deslocalizarse e abandonar Galicia se se dan as circunstancias”.
Engadiu que a venta das caixas fusionadas foi “un negocio redondo” para a entidade compradora, que 6 anos despois de adquirilas por preto de 1.000 millóns de euros xa tiña 3.000 millóns de beneficios”. Apuntou ás responsabilidades do goberno galego nun proceso con “enormes peculiaridades” e que noutras autonomías rematou “mantendo a territorialidade ou o carácter público”, como en Aragón –Ibercaja-, Andalucía –Unicaja-, Euskadi ou Cataluña”.