A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, deu a voz de alarma diante da clamorosa falla de protocolos e medidas de control fronte a potenciais contaxios de coronavirus nas granxas de visóns galegas. Castro levou ao Pleno do Parlamento unha pregunta á Xunta diante da constatación dos contaxios de covid entre esta especie e as persoas.
A responsable socialista advirte de que a falla de medidas postas en marcha polo goberno galego converten estas explotacións nunha “potencial bomba sanitaria”, sinaladamente cando Galicia é a Comunidade Autónoma con máis granxas desta especie do Estado, con 26 explotacións e medio millón de animais, o 80 por cento de España e competindo con países como Rusia ou China.
Ata o momento “en Galicia só se fixo un seguimento pasivo cando existen sospeitas de posibles casos, tendo realizado análises só en 4 granxas de visóns en funcionamento”, e reclamou un seguimento proactivo “como se fixo en Holanda e como recomendan os expertos”, con análises periódicas e autopsias dos animais mortos para detectar a causa.
Alertou do riso que supón subestimar os riscos destas explotacións para a saúde, e que actualmente só están obrigados a realizar tarefas de vixilancia pasiva, comunicando calquera indicio de enfermidade nos animais. Estas medidas, tanto como o custe das PCR aos empregados, teñen que correr a conta dos propietarios das granxas, que levan dende marzo sen ingresos, xa que non hai poxas internacionais.
Reclamoulle ao goberno galego que tome cartas no asunto e asuma a xestión da situación, elaborando un protocolo de actuacións e prevención que contemple controis e probas periódicas polo goberno galego a animais e traballadores. Reclamou “medidas serias ante o que consideramos un risco para a saúde de tódolos galegos e galegas”.
A parlamentaria socialista presentou esta iniciativa “á marxe da conveniencia ou non de permitir a existencia destas granxas, o que forma parte doutro debate que vai producirse a nivel estatal coa tramitación parlamentaria do proxecto de Lei de Benestar Animal que está a elaborar o goberno”.