A portavoz de Cultura do Grupo Socialista reclámalle á Xunta que considere á cultura como ben de primeira necesidade. A responsable socialista defenderá unha moción neste sentido no próximo Pleno do Parlamento, derivada da interpelación ao conselleiro da última sesión plenaria.
Díaz sinala que esta proposta sitúase na liña das reclamacións do sector feitas públicas a pasada semana, agradece ao BNG “que presente iniciativas no mesmo sentido” e insta ao PP a “sumarse a estas demandas”. A proposta que será debatida na sesión que comeza o martes inclúe “un novo modelo cultural” que incremente as partidas orzamentarias do sector ata o 1 por cento do total do gasto público, “tal e como recomenda o Consello da Cultura Galega”.
Neste sentido, a voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, esixirá á Xunta que presente, antes de que remate o ano, un plan plurianual de reactivación da cultura consensuado co sector para incrementar os fondos do Plan de Reactivación Cultural e Turística. Lamenta así que o presentado a finais de abril polo goberno galego se limitase a “un intento de reprogramación insuficiente e carente de medidas de calado”.
Ademais, os socialistas solicitarán a creación dunha Mesa de Diálogo permanente cos representantes de todo o sector cultural industrial, técnico e creativo para traballar a prol dunha estratexia cultural galega nos vindeiros anos. O obxecto é elaborar “un novo plan moito máis sectorializado que dea solucións a medio e longo prazo, e que non sirva só de parche para o momento da pandemia”.
Finalmente, urxirán unha campaña de animación ao consumo da cultura que, a súa vez, dea visibilidade aos espazos culturais como espazos seguros, así como a creación dun protocolo con “criterios claros e inequívocos” para o desenvolvemento de actividades culturais mentres dure a crise sanitaria da COVID-19.