O secretario xeral contrastará no Parlamento “os plantexamentos de Feijóo coas novas ideas para a Galicia do futuro” e situará como prioridades “a economía, o desemprego e a calidade da sanidade pública”
Santiago, 31 de xullo de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, prometeu hoxe o seu cargo como deputado no Parlamento “con humildade e con responsabilidade” e coa intención de amosar á cidadanía que “hai un partido preparado para dar un cambio ao goberno de Galicia”.
“Queremos dar un novo goberno de impulso e de rexeneración ao país dende un partido de progreso no que toda a cidadanía pode confiar”, recalcou o secretario xeral, partidario “dun cambio sen plantexamentos en negativo” senón cun enfoque “en positivo para a maioría”.
Así pois, como apuntou Gonzalo Caballero, “cada vez que Feijóo acuda” ao Parlamento, el mesmo, como presidente do Grupo Socialista, estará “contrastando os seus plantexamentos coas novas ideas para a Galicia do futuro”.
“Veño a traballar por un proxecto de cambio, por unha Galicia nova e rexenerada democraticamente, máis dinámica, que loite pola igualdade de mulleres e homes e polo futuro da xente máis nova”, destacou antes da súa toma de posesión como deputado cando case se cumpren dous anos dende que asumiu o liderado do PSdeG.
Nese intre, Gonzalo Caballero avanzou tamén que o traballo dos socialistas na Cámara seguirá centrado nas tres cuestións que máis preocupan á cidadanía de Galicia, como son “o desemprego, a economía e a calidade da sanidade pública”. “Son as nosas prioridades e os eixos fundamentais do novo tempo político”, incidiu.
“CAMBIO DE CICLO”
Ao fío disto, o líder dos socialistas galegos detallou que “a falla de política económica, industrial e de I+D deixa unha Galicia sen dinamismo e con menos poboación ocupada que cando chegou Feijóo, o que explica en boa medida o éxodo de milleiros de mozos nos últimos anos e o devalo demográfico”.
No que atinxe á calidade dos servizos públicos, Gonzalo Caballero puxo o foco na súa importancia como “mecanismo de calidade de vida e igualdade” para a cidadanía e lamentou que “Feijóo deixou de apostar” pola mellora da sanidade.
Proba diso, como sinalou, é o feito de que as propias estatísticas oficiais do Sergas reflicten que o tempo de espera dos pacientes en prioridade un, os máis graves, aumentou no último ano, como tamén o fixo o número de persoas que agardan por unha consulta e o tempo medio de espera.
“Feijóo trasladou unha imaxe de poder ao longo de moito tempo e tentou enganar aos galegos sobre a súa xestión política. Correspóndenos trasladar o descontento, as inquedanzas e os problemas dos cidadáns que non levan 25 anos subidos ao coche oficial, como el, senón que necesitan un cambio”, sentenciou Gonzalo Caballero.
Por iso, pese a que “as enquisas dannos moi ben” e de que o PP “está en fase de retroceso tanto en España como en Galicia”, o secretario xeral chamou a “non baixar a garda nin un momento para acadar o cambio político que queremos”. “Porque a Feijóo foille moi ben subido ao coche oficial, pero aos galegos non tanto”, finalizou.