O líder do PSdeG rexeita que o PP “abrace á ultradereita na praza de Colón” e que o BNG “se poña do lado dos independentistas cataláns que non respectaron a lei” e avoga polo “encontro”: “España avanzou cando tivemos capacidade para perdoar”
Santiago, 13 de xuño de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe na manifestación convocada pola Plataforma Casalonga Libre de Residuos para reclamar á Xunta que a restauración da mina se faga “dende o respecto ao medio ambiente”.
“Non pode converterse nun vertedoiro”, deixou claro o líder do PSdeG, esixindo ao goberno galego “compromiso co medio ambiente, coa sostibilidade” e rexeitando “modelos doutra época”.
Logo de expresar o seu respaldo ás reivindicacións da plataforma, Gonzalo Caballero avanzou que a deputada socialista Noa Díaz levará ao Parlamento de Galicia “a esixencia de que a Xunta volva avaliar a declaración de impacto ambiental” do proxecto de restauración da mina que presentou a empresa.
“Ten que ter en conta os requisitos medioambientais do século XXI e non do século XX”, advertiu o dirixente socialista, consciente de que hai informes existentes que reflicten a situación da zona hai máis de vinte anos.
Xunto con Gonzalo Caballero tamén participaron na protesta os deputados socialistas Noa Díaz e Martín Seco, a tenente de alcalde de Teo -onde se atopa a mina-, Uxía Lemus; e outros rexedores da contorna, como o alcalde de Ames, Blas García, ou o dA Baña, José Antonio Pereira.
INDULTO
Por outra banda, o responsable do PSdeG abordou a cuestión dos indultos para rexeitar que o PP “abrace á ultradereita irresponsablemente na praza de Colón, xerando conflitos e non solucións” e que o BNG “se abrace a posicións independentistas catalás que non respectaron a lei”.
“Necesitamos que o goberno de España aborde o asunto dentro do estado de dereito e na busca do interese xeral”, defendeu Gonzalo Caballero, consciente de que “este país avanzou cando tivemos capacidade para perdoar”.
“Así se fixo a Transición”, recordou, aludindo tamén aos indultos que se concederon aos golpistas do 23-F, o episodio máis grave contra a democracia. Buscar “o encontro”, afondou o máximo dirixente do PSdeG, é a vía para “resolver os conflitos”, sempre dentro do marco constitucional e do estado de dereito.
No que atinxe ao PSdeG, deixou claro que “nós estamos centrados nos intereses dos galegos e das galegas para a reactivación; é a nosa prioridade”, pero cremos tamén “no reencontro e na busca de solucións aos problemas do país”.
“A nosa posición non é abrazarnos ao independentismo nin ao separatismo e tampouco ir á praza de Colón abrazados á ultradereita. É a de buscar solucións aos conflitos dentro da lei e do estado de dereito; é a de ser parte da solución dos problemas e non xerar máis”, concluíu.