Categorías: Actualidade

Gonzalo Caballero censura que a Xunta se negue a un plan galego de medidas para garantir a inclusión financeira de maiores, persoas con discapacidade e no rural

Denuncia o “cinismo” do PP que se opón a garantir cunha carta de servizos que nesta lexislatura non haxa concellos galegos que pechen a única oficina bancaria existente: “que se recuperen onde pecharon”

Sinala que a Xunta ”non quere abrir a Comisión das Caixas, que leva case unha década pechada, porque queren seguir escondendo as vergoñas do PP coa banca deste país”

O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, censurou hoxe a negativa do PP a reclamar á Xunta “todas as medidas posibles” para garantir a inclusión financeira a maiores, persoas con discapacidade e tamén na Galicia rural. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, tralo debate dunha proposición non de lei neste sentido á que o PP votou en contra.

Neste marco, o responsable socialista criticou o “cinismo” do PP ao pedirlle medidas que están en curso ao goberno de España, mentres en Galicia a Xunta non adopta “nin un compromiso, nin unha medida, nin un avance para respaldar a inclusión financeira dos galegos e galegas”.

“A Xunta nin está nin se lle espera”, sentenciou Gonzalo Caballero, quen incidiu en que “por aí vai mal o goberno galego”, xa que, dende o ano 2008, pecharon 1.000 oficinas e “só no que vai de lexislatura pecharon case 200”. Neste sentido, lembrou, a modo de exemplo, o Concello da Baña, que hai uns meses quedou sen oficina, a única existente, situación na que se atopan case 50 concellos en Galicia.

Isto chega cando, segundo os datos do Banco de España, “dous de cada tres persoas maiores non teñen o hábito de realizar tarefas de forma dixital”, polo que “cómpre que o goberno galego mude a súa posición” e garanta “unha carta de servizos financeiros”, subliñou o dirixente socialista.

Con todo isto, Gonzalo Caballero lembrou que no Senado vén de aprobarse unha proposta para que, nos próximos tres meses, se desenvolva un plan de medidas para garantir a inclusión financeira para persoas vulnerables e maiores. Fronte a isto, lamentou, “a Xunta está ausente”.

“O PP TEN HISTORICAMENTE UNHA GRAN ALIANZA COA BANCA”

“Eu xa sei que o PP ten historicamente unha gran alianza coa banca, coa banca privada, pero eu lles pido que gobernen para os galegos e galegas” e “para defender a Galicia rural, a igualdade de dereitos para ter inclusión financeira e para dispor de oficinas bancarias abertas”, argumentou, pero “tamén pensando en tantos galegos e galegas que teñen algún tipo de discapacidade para quen os seus dereitos sempre son os máis complexos”.

Ao fío disto, o dirixente socialista reivindicou a inclusión social como un “dereito fundamental para ter unha cidadanía de primeira nunha democracia de primeira” porque “sen ter dereito á inclusión financeira, sen ter accesibilidade á banca no noso país, aos recursos financeiros, estariamos minguando os dereitos da xente para poder ter unha vida digna”.

“Gobernen e asuman á súa responsabilidade”, urxiu Gonzalo Caballero, quen lamentou que o Partido Popular “non estea pensando en Galicia”, senón “se de aquí ao verán haberá un novo presidente á fronte da Xunta de Galicia”.

A FUSIÓN DAS CAIXAS, “UNHA FOLLA NEGRA NA SÚA HISTORIA”

A raíz disto, Gonzalo Caballero lembrou que o PP ten “unha folla negra súa historia polo feito da fusión das caixas” e iso “é algo que Galicia non lles pode perdoar”, xa que “non se pode permitir esquecelo porque hai unha sentencia da Audiencia que di textualmente que ‘Caixanova nunca habría sido intervenida si no se le obligase a fusionarse con CaixaGalicia’”.

“E esa decisión non foi do Banco de España nin de ninguén máis que do presidente da Xunta e do goberno de Galicia, por iso vostedes non queren abrir a Comisión das Caixas, que leva case unha década pechada porque queren seguir escondendo as vergoñas do PP coa banca deste pais”, concluíu.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Patricia Otero esixe “tódalas garantías para o medio ambiente” no proxecto de Altri

Subliña que “fronte aos vetos cruzados, queremos industria, emprego e respecto ao entorno”   A parlamentaria socialista Patricia Otero esixiu…

21/05/2024 18:02

Nicolás González Casares denuncia o desleixo da Xunta diante da caída da produción marisqueira en Galicia

O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo mantén un encontro en Barbanza para analizar a situación das rías de Arousa…

21/05/2024 17:04

O Grupo Socialista promove unha declaración institucional para que o Parlamento condene o ataque sen precedentes de Milei ao Goberno español

Elena Espinosa pídelle a Rueda que estea á altura do seu cargo e lémbralle que o presidente arxentino comezou o…

21/05/2024 16:15

Julio Abalde lamenta que o PP vote en contra de pedirlle á Xunta que axude aos mariscadores da Ría do Burgo

Reclamoulle á Xunta que garanta a supervivencia das 100 familias afectadas pola rexeneración da ría mentres dura o proceso de…

21/05/2024 12:56

O Grupo Socialista esíxelle á Xunta unha ordenación axeitada da eólica para que Galicia non perda a oportunidade de liderar a transición enerxética

A voceira de Industria e Enerxía, Patricia Iglesias, sinálalle ao Goberno galego a necesidade de facer das renovables “unha prioridade…

19/05/2024 15:29

Nicolás González Casares reivindica o reforzo de Galicia na rede transeuropea de transportes e aplaude o investimento de 4.500 millóns de euros para o corredor atlántico

O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo sinala que “demostramos que o noso obxectivo é facer Europa dende Galicia e…

18/05/2024 11:38