O líder dos socialistas galegos advirte que nas pasadas xerais houbo 96.000 votos a forzas de esquerdas que se desperdiciaron porque non tiveron representación
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixo hoxe en Barro un chamamento a aglutinar o voto útil “nunha bandeira e un capitán de barco que sexa o PSOE” dirixido por Pedro Sánchez como único camiño para impedir que se impoña o programa político da ultradereita. Así o dixo antes de participar nun xantar coa militancia xunto con varios candidatos socialistas ao Congreso e ao Senado, como David Regades, María Adrio ou Paula Fernández Pena.
O responsable socialista emprazou a non desperdiciar ningún voto lembrando que nas últimas eleccións xerais houbo en Galicia 96.000 votos que foron a parar a formacións de esquerda que no obtiveron representatividade. Chamou á mobilización “de todo o pobo galego” para que a partir do 23X “teñamos un goberno progresista que garanta os dereitos das mulleres, dos pensionistas e das clases medias”.
Pediu o apoio dos galegos e galegas “no momento máis crítico da historia” fronte á UTE -Unión Temporal de Empresas- dun PP e Vox “en branco e negro, que queren facer retroceder 40 anos os dereitos dos traballadores, dos pensionistas e tamén da cultura”. “Despois non choremos e non teñamos que encher as rúas con manifestacións que non valerán de nada”, remachou.
Formoso dirixiuse ao ex presidente da Xunta e actual candidato do PP para pedirlle que aproveite a súa visita a Galicia esta fin de semana para “aclarar” que a súa proposta de goberno inclúe “un vicepresidente que nega o cambio climático, que nega a igualdade de dereitos de mulleres e homes e que nega o proxecto europeo”.
Apelou aos acordos coa extrema dereita en Baleares, Murcia ou Canarias, nos que lle están a dar un importante papel institucional a “persoas que pedían que a xente non se vacinara” en plena pandemia. Dixo que estas opcións “non coinciden coa maioría social responsable” da sociedade galega “solidaria, europeísta e de progreso” e está lonxe das opcións que levaron ao Constitucional as Leis do Aborto e de Igualdade.
Emprazou finalmente a atender ao debate electoral do próximo luns, no que o presidente do goberno explicaralle a millóns de persoas “o que se ten feito” durante o momento máis difícil da historia recente do país, como foi a pandemia. Un encontro co candidato do PP que, lembrou, se comportou “irresponsablemente” e se negou a arrimar o ombreiro no peor momento.