A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, criticou hoxe o “discurso dobre” de Feijóo que “por un lado preséntase como protonacionalista e militante de Galicia, pero polo outro acepta a recentralización das competencias en materia de Xustiza de Pablo Casado”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión sobre a renuncia a unha competencia que exerce Galicia dende os anos 80.
Vilán criticou o “teatro” do presidente da Xunta, que no último debate do Estado da Autonomía aprobaba unha Resolución en contra de calquera proceso de recentralización e a favor de levar ao máximo o autogoberno para un mes despois, en novembro, falara de “repensar o modelo de transferencia das competencias de Xustiza”. Daquela alegaba que son competencias híbridas entre Galicia e España, a falla de persoal e unha suposta alta taxa de litixiosidade.
A responsable socialista cuestionou a oportunidade de “renunciar a máis autogoberno e a transferencia que están a ser xestionadas por Galicia dende hai 30 anos” o que, advertiu, “aparentemente non estaba na liña do PP, pero quizais agora reciben novas directrices dende Madrid e por iso hai estas contradicións”.
A parlamentaria socialista desafiou ao goberno galego a pronunciarse a favor de asumir a competencia para modificar o sistema de demarcación da planta xudicial, que “podería asumir Galicia e que está dentro do Estatuto de Autonomía”. Lembrou ademais o escaso interese do Executivo por reunir á Comisión de Dereito Civil Especial, que estivo anos sen renovar aos seus membros.