A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou hoxe unha serie de iniciativas parlamentarias para rematar coa discriminación dos traballadores da administración de Xustiza en Galicia. A responsable socialista presentou as demandas recollidas nun encontro que mantivo hoxe co portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, e os representantes dos sindicatos SPJ-USO, CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO.
Vilán amosou o respaldo dos socialistas galegos ás protestas convocadas polos representantes destes sindicatos na administración de xustiza, que comezarán cunha concentración nas sedes xudiciais o próximo xoves, e unha folga xeral os días 1 e 13 de novembro e a advertencia dunha folga indefinida a finais de xaneiro respaldada por tódolos traballadores da xustiza agás xuíces e fiscais e secretarios xudiciais.
Reclamou a consolidación das prazas que responden a necesidades estruturais e a reposición de tódalas prazas que foron amortizadas, que calculan en 106 postos de traballo eliminados dende o ano 2012. Advirte que esta situación “supón maior carga de traballo e, polo tanto, un peor servizo á cidadanía, con seccións das audiencias provinciais colapsadas e problemas á hora da execución de sentenzas”.
Solicitou ademais a equiparación salarial co resto das comunidades autónomas “en cuestións como o complemento autonómico transitorio, descontos por incapacidade laboral ou substitucións” para un persoal que perdeu paulatinamente capacidade salarial entre 2013 e 2016 que non foi reposta.