A portavoz de Política Social, Marina Ortega, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que urxe á Xunta a reforzar os equipos de valoración da Dependencia co obxectivo de axilizar os trámites. Ortega reclama o reforzo e impulso da libranza por coidados na contorna familiar “fomentando a igualdade nos coidados e a profesionalización do servizo mediante a formación dos coidadores e coidadoras”.
A responsable socialista advirte que a pandemia “agrava a situación moito máis se cabe” para unhas persoas en situación límite polos recortes aplicados á Lei da Dependencia polos gobernos do PP tanto en Galicia como no Estado dende 2012. O contexto da covid, explica, vén a complicar aínda máis a situación dunhas persoas dependentes que precisan dun familiar como coidador, o cal está a ver limitada a súa actividade laboral e posibilidades profesionais.
Sinala que, malia que Galicia é a Comunidade Autónoma que máis percibe por parte do Estado en canto á dependencia, é a segunda que menos inviste por habitante de toda España polos recortes dos gobernos do PP. Así, a libranza de coidados na contorna familia foi recortada polo PP, afectando principalmente ás persoas con máis grao de dependencia.
Ademais, advirte de que Galicia está “lonxe de cumprir os prazos establecidos por Lei”, que fixa tres meses para a resolución de grao de dependencia e outros tres meses para a resolución do Programa Individual de Atención.