A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, presentou hoxe unha batería de iniciativas parlamentarias nas que lle esixe á Xunta de Galicia que dea conta no Parlamento das medidas preventivas e da situación da plantilla de traballadores e traballadoras das residencias de maiores, sinaladamente na de Barbadás.
A responsable socialista reclama coñecer “os recursos, protocolos e actuacións levadas a cabo, así coma dos datos diarios de contaxios por covid-19 por cada centro residencial. Advirte que a situación rexistrada na residencia Nosa Señora dos Milagres, na localidade ourensá de Barbadás, con máis de 60 positivos detectados nun só día, “evidencia que a actuación da Consellería de Política Social está a fallar na forma de proceder”.
Ortega considera “urxente coñecer os antecedentes de actuación da Consellería no propio centro antes de aparecer os contaxios”, polo que reclama información “sobre se houbo medidas preventivas, e sobre todo medidas no incremento do persoal”. Apunta que “é urxente que se aporte toda a información en sede parlamentaria para dar conta á cidadanía, unha información que debe ser pública e incluír os datos de contaxios por cada centro de atención residencial”.