O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta un “cambio de raíz” na súa política sanitaria con financiamento suficiente para reverter os recortes dos últimos 10 anos, estabilidade laboral para rematar coa precariedade e planificación fronte a unha década de improvisación. O responsable socialista adiantou algúns dos termos da sesión de control ao presidente do próximo mércores, na que reclamará un “acordo amplo” incorporando as peticións das asociacións.
O responsable socialista esixiu un “cambio substancial nos orzamentos de sanidade” con medidas concretas que fagan que “non se queden en anuncios previos ás eleccións destinados a ser esquecidos”. Neste sentido, cualificou de “tomadura de pelo” a resposta do conselleiro de Sanidade, que ofrece apenas 17,5 millóns de euros a investir en dous anos, unha contía “absolutamente insuficiente” que apenas supera os 8 millóns anuais.
Fernández Leiceaga reclamoulle ao presidente da Xunta que dea “un paso adiante” na reforma da política sanitaria dando cabida á participación dos grupos parlamentarios e incorporando as propostas das asociacións. Así, o responsable socialista propuxo incorporar a xerencia propia de Atención Primaria, a fixación de tempos de atención aos pacientes, un número máximo de consultas que sexa viable ou un contrato para o persoal estatutario e eventual.
O goberno galego, engadiu, debe garantir que os Puntos de Atención Continuada teñan dotación suficiente para evitar a desatención e “consecuencias fatais para os pacientes”, ademais de habilitar un mínimo de probas comúns na Atención Primaria. En definitiva, reivindicou máis profesionais da sanidade e máis autonomía á Atención Primaria.
Eleccións
En resposta a preguntas dos xornalistas, avogou por “quedarnos coas tendencias” que apuntan as enquisas e que anuncian un avance substancial no apoio electoral aos socialistas a un mes das eleccións xerais. Sobre un virtual apoio dos nacionalistas galegos ao goberno de Sánchez, chamou ao apoio directo dos votantes con “sensibilidade autonomista” para conxurar o “risco de que haxa votos progresistas perdidos favorecendo a quen se pretende parar”.
Finalmente, sobre a oferta de Pablo Casado á virtual participación do presidente da Xunta nun goberno do PP, puntualizou que o presidente daquel partido “sería máis intelixente se se preocupara pola situación inversa, por que quere facer Feijóo no caso de que perda as eleccións”.