
O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE pide a Rueda que levante o veto á reunión solicitada polo alcalde, Alberto González, e que atenda esta demanda da veciñanza para que o alumnado non teñan que desprazarse a Cedeira, Ferrol ou Narón
Destacou as políticas do goberno socialista de Valdoviño, que converteron o concello no que máis medra de Ferrolterra, con 600 novos habitantes, unha tendencia que se reforzará coas cen vivendas públicas promovidas polo Goberno de España
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo alcalde de Valdoviño, Alberto González, avanzou hoxe que os socialistas veñen de rexistrar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar á Xunta a construción dun instituto público no municipio.
Besteiro lembrou que se trata dunha reivindicación da veciñanza e da comunidade educativa, unha demanda que cobra aínda máis forza ante a evolución demográfica de Valdoviño. “Grazas ás políticas impulsadas por este goberno socialista, estamos ante o concello que máis medra de toda Ferrolterra”, destacou, ao lembrar que en cinco anos o municipio gañou arredor de 600 habitantes, superando os 6.800, o que supón un incremento próximo ao 10 % da súa poboación.
O líder socialista sinalou que se trata “dun dos poucos concellos do seu tamaño que non teñen un instituto de ensino secundario”, o que obriga aos rapaces e rapazas da localidade a desprazarse a diario a Cedeira, Narón ou Ferrol para estudar.
Besteiro advertiu, ademais, que a evolución demográfica se vai ver reforzada a curto prazo debido á rehabilitación de 94 vivendas da Sareb, que impulsan o alcalde de Valdoviño e o Goberno de España. Esta actuación, que se acaba de anunciar, supón un investimento de 3,5 millóns de euros “e suporá a chegada de novas familias, e con elas, de máis nenos e nenas en idade escolar”.
O secretario xeral, que visitou a zona na compaña do alcalde, Alberto González, e o deputado Aitor Bouza, asegurou que a situación aínda se vai facer “máis insostible” se Executivo do PP non atende ás demandas do Concello.
“Mentres o Goberno de España está a investir para fixar poboación e impulsar o desenvolvemento de Valdoviño, o Goberno de Rueda négase incluso a recibir ao alcalde para abordar unha cuestión tan fundamental como a construción dun instituto público”, censurou Besteiro.
O secretario xeral do PSdeG reclamou ao presidente da Xunta que poña fin a esta situación e que dea instrucións para que o alcalde sexa recibido polo conselleiro competente. “Non é aceptable que un concello que máis medra en Ferrolterra e que leva anos defendendo esta reivindicación non obteña nin sequera unha reunión para expor as súas necesidades. A Xunta ten que escoitar a Valdoviño e dar resposta ás súas demandas”, afirmou.
O Grupo Socialista defenderá na Cámara que, por unha banda, se inicien canto antes os trámites para a construción do IES e que se incorporen as partidas necesarias nos próximos Orzamentos autonómicos. Por outra, que a Xunta garanta a coordinación coa comunidade educativa e co Concello para definir a situación do edificio e o ensino que se impartirá nel. Nese senso, reclama que se contemple a posibilidade de incorporar unha liña de formación profesional básica.