

A deputada socialista Patricia Iglesias avisa dos continuos obstáculos ao control democrático da Administración autonómica: “A Xunta non lle pertence ao Partido Popular”
Patricia Iglesias criticou hoxe en comisión parlamentaria “o modelo do Goberno galego do PP”, un modelo que resumiu en “millóns millóns de contratos a dedo e portas pechadas á información”. A deputada do PSdeG sinalou que se trata dun problema “que vai ao núcleo da calidade democrática: como se xestionan os recursos públicos”.
Iglesias repasou datos oficiais de contratación, “un ámbito especialmente sensible as prácticas irregulares”, e en particular os de licitacións “sen concorrencia e sen publicidade”, como é a contratación menor. Recordou que o derradeiro informe do Consello de Contas a eleva a un total de 2.941 millóns de euros para o conxunto do sector público autonómico, o 35 % do total.
A parlamentaria socialista sinalou “a opacidade e denegación de acceso á información” como algo sistemático que ten un bo exemplo no caso dos contratos adxudicados entre 2009 e 2011 a Equipo Económico, consultada ao exministro popular Cristóbal Montoro, por un importe superior aos 172.000 euros. “A documentación deses contratos presenta serias deficiencias, como informes sen asinar, borradores sen carácter técnico suficiente, documentos sen adaptación á normativa galega e contidos xenéricos reutilizados”, afirmou. Porén, unha vez que se solicitou acceso aos expedientes completos, “a resposta foi a denegación”. “A Xunta non lle pertence ao Partido Popular”, afeoulle ao PP.
Ademais desa opacidade activa, Patricia Iglesias referiuse tamén ao obstáculo que representa un sistema de información que xa de por si dificulta o control. Tal como apuntou, os contratos menores non están publicados na Plataforma de Contratación do Sector Público, senón nun portal de transparencia no que “hai que ir buscando de un en un en cada órgano de contratación”. A iso engádese que se trata de formatos dixitais “pechados e non reutilizables”, con datos “non homoxéneos”, que non coinciden, e información fragmentada. “Acceder a esa información require percorrer máis de 70 entidades expediente por expediente”, salientou.
Por outra banda, insistiu en que hai “indicios de favoritismo e conflitos de interese” con determinadas empresas que contratan coa Xunta e que existen “advertencias reiteradas” por parte do Consello de Contas, que vén denunciando o “abuso” dos contratos menores, a falta de planificación contractual e deficiencias no control das entidades instrumentais.
Fronte a ese estado de cousas, Iglesias defendeu “unha reforma real” con medidas concretas. Entre elas, reclamou que se habilite na plataforma de contratación pública de Galicia un campo específico para publicitar todos os menores que adxudiquen todas as entidades do sector público autonómico. Demandou tamén a incorporación de tecnoloxías de intelixencia artificial para a análise masiva de datos “coa finalidade de previr, detectar e corrixir irregularidades, fraudes ou condutas de corrupción”. En relación con iso, propuxo que se aplique nas propostas de adxudicación de menores a aplicación da Axencia Tributaria para a detección de posibles conflitos de intereses.
Finalmente, esixiu que se desenvolva un protocolo para que todas as consellerías e entidades do sector público autonómico reduzan o uso de contratos menores “e eviten acudir a procedementos nos que non exista publicidade e concorrencia”.