

A prioridade do PSdeG segue a ser a gratuidade, que a AP-9 non lle custe un euro ás galegas e galegos
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe en Ferrol, nun xantar con xornalistas, que o Grupo Socialista alcanzou un acordo con Sumar e o BNG para o traspaso da AP-9 a Galicia. O pacto materializarase mañá no Congreso a través das emendas transaccionais da Ponencia.
“Anúncioles un acordo que se materializará mañá no Congreso sobre a AP-9”, trasladou Besteiro, que precisou que o acordo permite transferir a titularidade da autoestrada á Comunidade Autónoma, así como as competencias sobre o réxime xurídico da concesión e as funcións e servizos. “É un mandato parlamentario que deberá materializarse na Comisión Mixta de Transferencias”, sinalou.
O líder dos socialistas galegos contrapuxo este avance co bloqueo do PP. “Cun Goberno socialista, o traspaso é unha realidade”, indicou, e advertiu de que “non se entendería un voto negativo” dos populares. “Bloquealo sería unha gravísima responsabilidade que contradiría todo o que viñeron dicindo sobre o propio traspaso”, engadiu.
Besteiro subliñou que, unha vez asegurada a titularidade, a prioridade segue a ser a gratuidade. “O que nos importa máis é que a AP-9 sexa gratuíta, que non lle custe un euro aos usuarios”, dixo. “O primeiro paso é a transferencia, pero o definitivo é a gratuidade. Non imos baixar a garda, non imos parar ata conseguilo”, concluíu.