
Aitor Bouza lembra que os últimos avances na infraestrutura remóntanse ao goberno de Pérez Touriño, e o PP leva 17 anos coa infraestrutura paralizada
O parlamentario socialista Aitor Bouza acusou hoxe oa PP de “deixar tirados” aos veciños e veciñas de Ortegal logo de levar 17 anos sen mover “nin unha pedra” na VAC Costa Norte que debería conectar Ferrol con San Cibrao. O responsable socialista criticou que o PP rexeitara a iniciativa que presentou na Comisión de Infraestruturas na que tan só pedía ao goberno galego un informe sobre o estado deste proxecto.
Bouza advertiu que “de nada serve ter orzamentos se despois os incumpren”, lembrando que o proxecto leva incluído nos orzamentos da Xunta dende 2009 sen executar “nin un euro” e ironizou coa intención de “cambiar a planificación prevista para unha Vía de Alta Capacidade e poñer simplemente unha corredoira”.
Lembrou que os últimos avances na execución da infraestrutura remóntanse ao goberno de Pérez Touriño, entre 2005 e 2009, e dende entón permanece parada, condenando á comarca de Ortegal a permanecer “na desconexión absoluta” do resto de Galicia. Criticou a hipocrisía política do PP, que “sistematicamente votan no Parlamento en contra da execución da VAC e a favor no territorio”, demostrando que non lles importa deixar “illada” a unha comarca enteira.
Aitor Bouza acusou ao PP de “desprezar” aos veciños e veciñas da comarca, como quedou manifesto ao presentar unha emenda falando exclusivamente da comarca da Mariña cando a iniciativa referíase ao trazado da VAC en Ferrol e Ortegal.