

Patricia Iglesias alerta de que as obras, que tiñan que ter rematado en marzo, continúan paradas mentres o goberno galego mira para outro lado
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias acusou hoxe ao goberno galego de “tomarlle o pelo” aos veciños e veciñas de Palmeira -Ribeira- que levan meses coas obras de humanización paralizadas polo desleixo do goberno galego. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na Comisión de Obras Públicas para pedirlle á Xunta que faga un informe e reactive as obras, pero que foi rexeitada polo PP.
Iglesias lamentou que o PP se descolgara hoxe co anuncio dunha cesión contratual sobre as obras, que “non se trata dunha nova licitación, dun contrato ponte nin dun procedemento negociado, senón dunha cesión que unicamente comproba a solvencia da concesionaria”. Lembrou que a obra, que tiña que ter rematado en abril, leva meses parada polas dificultades económicas da empresa adxudicataria sen que o goberno galego faga nada.
A responsable socialista lamentou a “falta de credibilidade do goberno galego”, que se limitou a anunciar o reinicio das obras cando o Grupo Socialista rexistrou esta iniciativa, o pasado 9 de abril, pero case dous meses despois as obras permanecen “practicamente paradas, sen actividade visible, sen maquinaria, sen traballadores e sen avances reais”. E agora, dixo, limítanse a anunciar unha cesión contractual sen dar unha data certa para realizar as obras, “un pitorreo”, remachou.
Criticou que o goberno galego non fixera nada logo de coñecer a paralización das obras polos problemas económicos da empresa adxudicataria, e lembroulles que “gobernar non é só licitar obras cando hai cámaras ou fotógrafos diante, gobernar é reaccionar cando aparecen problemas e ter capacidade de resposta”. Afeoulles que teñan “desaparecido en canto hai que resolver problemas reais da xente”.
A parlamentaria socialista advertiu que a falla de execución destas obras provoca unha enorme molestia e mesmo perigo para os veciños e veciñas, que teñen que soportar as “molestias diarias de circulación e a inseguridade provocada pola incompetencia da Xunta de Galicia”.
Lembroulles que no canto de quedar sentados, “podían tramitar unha contratación de urxencia ou unha actuación provisional, encargar provisionalmente actuacións polos medios propios do goberno galego ou tramitar un contrato ponte” . Subliñou que “o problema non é a falta de ferramentas legais, o problema é a falta de vontade política e a lentitude dun Goberno incapaz de reaccionar”.
Iglesias criticou que o PP votara en contra desta iniciativa na que lle poñía ao goberno galego un prazo de un mes para presentar un informe detallado do estado das obras de humanización, as causas da súa paralización e as previsións para o seu remate definitivo. Ademais, reclamaba medidas urxentes para reiniciar as obras e garantir a seguridade e accesibilidade, porque “a paciencia da veciñanza ten un límite”, e esixiu “menos escusas e máis responsabilidade”.