
Julio Torrado alerta dunha perspectiva machista na atención sanitaria e reclama formación continuada, reciclaxe nos profesionais e pedagoxía cidadá
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou recuperar a perspectiva de xénero no Plan de Saúde integral posto en marcha polo goberno do socialista Pérez Touriño e que foi suprimido coa chegada do PP á Xunta. Torrado presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade na que alertou de que “seguimos sendo machistas” na atención sanitaria.
O responsable socialista alertou da “perspectiva deficitaria en materia de xénero” na atención sanitaria e apuntou á necesidade de implantar formación continuada e actualización dos e das profesionais sanitarios e poñer en marcha campañas de pedagoxía cidadá para combater a realidade dun sistema sanitario androcéntrico. Sinalou que “máis alá dunha xornada ou de celebrar o día internacional, cumpre reorientar o sistema” a través dunha reflexión profunda.
Alertou do autocompracencia no goberno galego ao “valorar os homes as cousas que fan polas mulleres”, logo de lembrar que arredor dun 60 por cento dos profesionais sanitarios en Galicia son mulleres, pero só no entorno do 25 por cento das xefas de servizo. Advertiu que Galicia reflicte o efecto das “mulleres hiperfrecuentadoras”, que volven reiteradamente ao sistema sanitario polo tratamento errado dos seus síntomas, que apuntan a estrés ou problemas de saúde mental.
O parlamentario socialista sinalou que o sistema “asume que as mulleres por natureza teñen de por si dores, sufrimentos ou padecementos que son normais, pero os homes non, eles teñen un problema e hai que tratalos”. Puxo o exemplo do infarto agudo de miocardio, no que os mesmos síntomas son tratados con máis alarma no caso dos homes e atendidos antes, polo que os falecementos de mulleres por infarto duplican aos dos homes.
Torrado sinalou que “por moito que o sistema sexa así non quere dicir que teña que seguir sendo así” e persistindo no erro de centrarse nos pacientes masculinos, e lembrou que Galicia mantén a peor ratio de matronas de España, e as revisións xinecolóxicas que deberan realizarse aos 6 meses están a tardar un ano. Dixo que os profesionais sanitarios “son moi bos, pero non son superheroes” e non poden facer nada diante da falla de persoal contratado pola sanidade pública galega.