
O PSdeG leva ao DEA 40 Propostas de Resolución para que Galicia teña voz na conectividade e para responder ao problema real do alugueiro
Besteiro pide implicación real da Xunta na candidatura de Vigo como sede do Mundial
“Non á guerra sen matices”: os socialistas levan ao Parlamento unha posición clara fronte ás actitudes belicistas
A Sanidade é un dos eixos principais das propostas de resolución dos socialistas no Debate do Estado da Autonomía, onde piden máis recursos, reforzo da Atención Primaria e fin da política de culpabilizar aos profesionais
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, situou hoxe no centro do Debate do Estado da Autonomía dúas prioridades claras: que Galicia teña voz nas decisións estratéxicas, como a xestión aeroportuaria, e que a Xunta interveña xa ante un problema urxente como a vivenda.
Os socialistas levan ao Parlamento máis de 40 propostas cun fío condutor definido: pasar das palabras aos feitos e deixar atrás unha forma de gobernar baseada no anuncio permanente e na falta de execución: “O problema non é o que din, é o que non fan”, resumiu Besteiro, tras un discurso do presidente da Xunta afastado da realidade que vive a maioría da cidadanía.
No ámbito da conectividade, o PSdeG quere que Galicia deixe de estar ausente nas decisións que lle afectan e coparticipe co Estado nunha comisión bilateral que permita definir unha estratexia coordinada dos tres aeroportos galegos. O obxectivo, dixo, é optimizar recursos, evitar duplicidades e reforzar o papel de Galicia nos fluxos de mobilidade e no seu posicionamento económico. Besteiro advertiu de que seguir sen voz neste ámbito é seguir perdendo oportunidades.
Pero é na vivenda onde os socialistas poñen o acento principal dado a gravidade da situación: “O problema da vivenda xa non admite máis diagnósticos nin máis anuncios a longo prazo. Máis de 30.000 galegos e galegas están inscritos no rexistro de demandantes de vivenda pública e arredor do 70% busca aluguer, o que evidencia un mercado completamente tensionado”.
Fronte a esa realidade, o PSdeG defende intervir con medidas concretas e inmediatas: mobilizar vivenda baleira, activar a rehabilitación e poñer en marcha mecanismos públicos de intermediación que dean seguridade a propietarios e inquilinos. Nesa liña, propoñen a creación dun Banco Público de Alugueiro co obxectivo de incorporar ao mercado ata 10.000 vivendas nun curto prazo, especialmente nas cidades onde a presión é maior.
Besteiro insistiu en que non abonda con construír vivenda pública a medio prazo mentres a xente non pode acceder hoxe a un alugueiro: “O problema é agora, e require respostas agora”, advertiu, criticando que a Xunta actúe como “unha testemuña” ante unha situación que esixe decisións.
A crítica esténdese tamén á sanidade pública, onde o PSdeG denuncia un sistema ao límite, con listas de espera elevadas e unha Atención Primaria tensionada. Os socialistas propoñen reforzar recursos, mellorar as condicións laborais dos profesionais e activar, dunha vez, plans comprometidos que seguen sen executarse, como o de saúde mental.
No ámbito da mobilidade, reclaman unha revisión integral do transporte interurbano por estrada para adaptalo á realidade actual e mellorar a conexión entre territorios. A falta de planificación, advertiu Besteiro, está a agravar a fenda entre a Galicia urbana e a rural.
En política enerxética, o PSdeG aposta por recuperar a planificación e impulsar un modelo baseado no desenvolvemento da eólica tanto en terra como no mar, garantindo a súa compatibilidade coa actividade pesqueira e co conxunto dos sectores produtivos vinculados ao litoral. Os socialistas defenden que Galicia debe aproveitar o seu potencial enerxético para xerar industria e emprego no territorio, asegurando tamén retornos directos para a cidadanía.
A proposta socialista incorpora tamén medidas en financiamento, como a aceptación da condonación de máis de 4.000 millóns de euros de débeda, co obxectivo de reforzar a capacidade financeira da comunidade e mellorar os servizos públicos.
Ademais, o PSdeG defende un plan específico para a Galicia interior, especialmente para Lugo e Ourense, que permita reverter a perda de actividade e oportunidades, e reclama unha implicación real da Xunta na candidatura de Vigo como sede do Mundial 2030 como proxecto de país.
No plano internacional, os socialistas levarán ao Parlamento unha declaración clara de rexeitamento á guerra, sen ambigüidades.
Besteiro pechou a rolda de prensa sinalando que Galicia non pode seguir instalada na inercia: “Un goberno non está para mirar como pasan as cousas. Está para actuar e para dar resposta”.