

Lara Méndez esíxelle ao goberno galego que incremente a autonomía financeira a través do Fondo de Cooperación Local base: “Competencias si, pero con recursos”
A portavoz de Administración Local do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe ao PP de manter aos concellos infrafinanciados para “convertelos en vasalos para que non teñan autonomía nin capacidade”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na que reclamaba o incremento do Fondo de Cooperación Local base, que será votada mañá pero que o PP xa anunciou que vai rexeitar.
A responsable socialista reclamou máis autonomía financeira para os concellos desconxelando o fondo que reciben en base a criterios obxectivos e que leva máis de 17 anos conxelado polo PP nos 118 millóns de euros, cando si que aumentan o fondo condicionado para repartir convenios “a dedo”. Esixiu o reparto dos cartos públicos “con criterios xustos, equitativos e de xustiza social para todos e cada un dos concellos, non só para os do PP”.
Acusou ao PP de ter aos concellos “asfixiados” e “ao límite” logo de sobrecargalos de competencias que lle corresponden ao goberno galego sen aumentar a cambio o seu financiamento, polo que esixiu “competencias si, pero con recursos”. Puxo como exemplo tanto a Lei de Saúde dos Menores que foi aprobada no último Pleno como a Lei do Clima que vai ser debatida nesta mesma sesión, nas que “afectan directamente á autonomía local sen achegar ningunha partida económica”.
Méndez advertiu que os socialistas galegos “continuaremos loitando” para ampliar o acordo para que a Xunta asuma o cen por cen do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar que lle corresponde e co que están afogando aos concellos. Sinalou que o recente acordo entre a Fegamp e o goberno, polo que nos próximos dous anos o goberno galego aumentará o financiamento en 6 euros á hora foi posible porque o PSdeG advertiu que “acabaríamos indo ao xulgado”.
A responsable socialista reclamou hoxe o incremento do Fondo de Cooperación Local base, urxiu a tramitar a Lei de Administración Local, que data de 1997 e non dan presentado nin o anteproxecto, e a creación dun Plan Único como están a facer as deputacións gobernadas polo PSdeG.
Dobre vara de medir
A parlamentaria socialista lembrou a imputación da viceportavoz do PP, Paula Prado, e do ex presidente da Deputación de Ourense José Luis Baltar, acusándoa de aplicar a presunción de inocencia “só para os seus”. Lembroulle a imputación polos presuntos vencellos coa trama Vendex, cando se coñeceron os audios nos que presumía duns “regalos de la hostia”.
Sinalou tamén que o senador do PP por Ourense José Luis Baltar é o único senador condenado por un delito contra a seguridade viaria “porque vostedes o permiten”. Precisamente Baltar, lembrou, para quen reclamaban a presunción de inocencia cando fora acusado por presunto acoso sexual por ofrecer traballo a cambio de sexo, e que “quedou en nada porque non se puido demostrar”.
Daquela coñeceuse “con nome e apelidos” á vítima de Baltar, igual que á do ex conselleiro de Pesca, e o PSdeG está a respectar escrupulosamente o seu anonimato, polo que esixiu que “non nos dean ningunha lección de feminismo”.