

O secretario xeral do PSdeG denuncia o fracaso das políticas de Rueda: máis vivenda sen resposta, máis esperas en sanidade e dependencia “inasumibles como sociedade”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo hoxe balance político de 2025 advertindo de que Galicia “está obxectivamente peor ca hai un ano”, unha afirmación que sustentou en datos oficiais que, ao seu xuízo, “desmontan o relato triunfalista do Partido Popular”.
En materia de vivenda, Besteiro lembrou que o número de persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública pasou de 18.000 a 22.700 nun só ano, “4.700 persoas máis, un incremento do 25%, sen que a Xunta dea resposta a esa demanda”. Para o líder socialista, esta evolución confirma que as políticas da Xunta de Galicia “non están sendo eficaces” e que se mantén unha estratexia limitada á construción, esquecendo a rehabilitación e a mobilización do parque de vivendas existente.
Neste sentido, reclamou a posta en marcha dun banco público de alugueiro que exerza un papel intermediario, ofreza garantías aos propietarios e permita incorporar ao mercado vivendas hoxe desocupadas a prezos moderados. “Hai vivenda que pode ser utilizada xa, pero fai falta unha administración que se implique e dea seguridade”, subliñou.
No ámbito sanitario, Besteiro advertiu de que máis de 360.000 persoas están á espera dunha consulta médica e arredor de 50.000 agardan por unha intervención cirúrxica, ao tempo que os investimentos non medran ao ritmo do IPC nin das necesidades reais do sistema. Lembrou ademais que hai preto de 200 concellos sen atención pediátrica, unha situación que afecta a uns 12.000 nenos e nenas e que evidencia, segundo dixo, “o baleirado da atención primaria, especialmente no rural”.
Sobre dependencia, cualificou de “inasumible como sociedade” unha espera media de 350 días para obter unha resolución administrativa e denunciou que milleiros de galegos e galegas faleceron nos últimos anos sen recibir resposta. “Non é un problema menor de xestión, é unha falla estrutural do sistema de servizos sociais”, afirmou.
En política forestal e medioambiental, Besteiro criticou que Galicia peche o ano sen publicar o Pladiga, malia os máis de 120.000 hectáreas calcinadas este verán. Denunciou a ausencia dunha estratexia preventiva real e advertiu de que o incumprimento dos compromisos adquiridos desde 2019 “condena o país a sufrir ao repetir os mesmos erros”, especialmente na Galicia interior, a máis afectada polo despoboamento e a perda de servizos.
O líder socialista cuestionou tamén a inexistencia dunha política industrial coherente por parte da Xunta, con proxectos anunciados como estratéxicos que non avanzan, e citou como exemplo a macrocelulosa de Altri, que cualificou como “un proxecto que Galicia non necesita nin é positivo nin social, nin ambiental nin economicamente”.
No plano económico, explicou que, aínda que a economía medra, Galicia faino por debaixo da media estatal, e reprochou ao PP a falta dunha posición clara sobre a financiación autonómica. Defendeu a condonación da débeda como positiva para Galicia e reclamou máis competencias e máis autogoberno, “porque quen asume máis responsabilidades dispón de máis recursos para exercelas”.
Finalmente, Besteiro reivindicou a coherencia dos socialistas fronte a outras forzas políticas, tanto na acción política como na resposta ante comportamentos irregulares. “Nós actuamos e non miramos para outro lado. Pode xerar dor, pero tamén xera confianza”, concluíu, avanzando que o Comité Nacional do vindeiro 10 de xaneiro abordará estes retos como antesala dun ano decisivo para o futuro político de Galicia.