

“Mentres aquí se felicitan, fóra hai máis de 22.600 persoas agardando por unha vivenda pública”, advertiulle ao Grupo do PP durante a defensa das emendas socialistas aos Presupostos da Xunta para o 2026
O secretario xeral do PSdeG denunciou que nos últimos oito anos 7.000 persoas morreron agardando por unha axuda á dependencia “que lles correspondía por dereito” e aínda así o Goberno popular non incorpora ningunha medida nese eido
“Propuxémoslles blindar por lei o dereito á atención primaria nun máximo de 48 horas, para que ninguén estea semanas ou meses esperando por unha consulta. E que fixeron? Rexeitárono”, afeoulles aos populares
“Hai que deixar fóra do foco ás vítimas, non como fixeron vostedes no pasado”, reclamoulle o secretario xeral do PSdeG ao PP, e invitou a todos os partidos a habilitar as canles de denuncia das que dispón o PSOE
“Vivenda, dependencia e sanidade. Ese é o triángulo do seu fracaso”. José Ramón Gómez Besteiro advertiu así das eivas duns Orzamentos autonómicos que hoxe saen do Parlamento “igual que entraron, sen melloras, sen correccións, igual de curtos, igual de inxustos” e sen que o PP escoitase nada do que ocorre “fóra das paredes” da Cámara. Foi na defensa das emendas do Grupo Socialista aos Presupostos da Xunta.
Besteiro iniciou a súa intervención mostrando o apoio do Partido Socialista ás vítimas que sofren acoso, “estean onde estean e sexan quen sexan”, e, tras as alusións por parte do PP, defendeu “deixar fóra do foco ás vítimas, non como fixeron vostedes no pasado”. “Temos que insistir na persecución dos feitos e na denuncia dos feitos, para que os mecanismos poidan funcionar”, dixo antes de animar “a todos os partidos” a habilitar as canles de denuncia das que dispón o PSOE.
O portavoz socialista retomou o debate criticando que, coas contas autonómicas para o 2026, Rueda e seu Goberno non dan resposta ás grandes preocupacións da cidadanía. “Mentres aquí se felicitan, fóra hai máis de 22.600 persoas agardando unha vivenda pública”, sinalou sobre unha cifra que se incrementou nun 26 % en só un ano para se converter na “máis alta da historia”. O secretario xeral do PSdeG advertiu: “A xente non pode máis, e a Xunta responde con anuncios e maquetas, pero sen casas”.
O líder socialista criticou que no eido da dependencia “a situación é igual de sangrante”, por exemplo, pola espera media de 349 días para acadar unha axuda. “O maior tempo de agarda da historia”, denunciou, e engadiu: “Desde o 2017, máis de 7.000 persoas morreron sen recibir o que lles correspondía por dereito. Dúas persoas cada día que falecen agardando”.
O problema da espera é tamén un dos máis graves que padece a sanidade, con 360.000 persoas pendentes dunha cita médica e 50.000 dunha operación, números “que nin sequera sabemos se son os peores da historia porque a Xunta xa nin dá datos claros”, censurou sobre unha política de “cada vez menos transparencia, cada vez máis propaganda”. Para Besteiro, “o máis grave” e que o Partido Popular rexeitase a proposta socialista de blindar por lei o dereito á atención primaria en menos de 48 horas. “Rexeitárono mentres a xente desespera nas listas de espera, e mentres quen pode paga unha consulta privada por esta planificación calculada de destrución da sanidade pública”, dixo.
José Ramón Gómez Besteiro repasou polo miúdo as emendas do Grupo Socialista ás Contas autonómicas nesas tres tres áreas concretas.
Sobre a vivenda, apuntou que as partidas que soben coinciden “xusto onde o diñeiro do Estado chega con regularidade”. “A vivenda pública en Galicia faise cos terreos dos concellos e cos cartos do Estado. De fondos propios, pouquiño ou nada”, explicou. Entre as propostas do PSdeG citou unha maior dotación de fondos para a construción de vivenda pública, a creación dun banco de alugueiro “para que a Xunta puidese intervir no mercado e garantir que ninguén teña que pagar máis do 30 % do seus salario polo teito baixo o que vive” e máis fondos para rehabilitación, pero “rexeitaron todo o que podía facer cambiar algo de verdade”.
Criticou que mentres, o PP vende como solución “iso de vivir en 25 ou 30 metros cadrados”, cando para quen propón iso “30 metros cadrados é un despacho”. “Así é imposible entender o problema da xente que vive con anguria cada fin de mes para pagar o alugueiro”, lamentou.
No ámbito da sanidade, os Orzamentos son, “como moito, absolutamente continuístas” e incluso perden peso relativo. Pola contra, o Grupo Socialista invitou a incrementar as partidas dedicadas a sanidade en 212 millóns de euros, un gasto orientado principalmente á atención primaria, á saúde mental e a un plan de choque contra as listas de espera. Tamén se incluíron investimentos para melloras en centros de saúde, dotación de máis recursos ou reforzos á atención primaria.
Besteiro preguntouse que foi dos cribados de cancro de mama para as mulleres de 45 a 50 anos que Rueda prometeu hai dous anos e por que se bloquearon 2 millóns do ministerio para loitar contra o cancro. “Ata onde chega ese delirio de confrontación, que lles importa máis discutir co Goberno de España que coidar á xente?”.
O “desastre” da política social
José Ramón Gómez Besteiro cualificou de “desastre” a política social do PP, que reduce a dotación de áreas que deberan ser unha “prioridade”. Entre elas citou as prestacións ás familias e á infancia, a prevención da dependencia, a discapacidade, as políticas destinadas ás persoas maiores, a solidariedade, o apoio ás mulleres que sofren violencia machista, a conciliación e os servizos sociais comunitarios. Algunhas baixan “de maneira escandalosa”, como a de solidariedade, que cae un 22 %.
Por enriba, trátase de servizos que contan cunha baixa execución orzamentaria, de modo que “o que se aproba non se executa, e o que se anuncia non se cumpre”. Denunciou, ademais, que moitas desas baixadas “semellan calcadas das políticas da ultradereita”.
Algunhas das propostas do PSdeG, todas rexeitadas, foron a construción de residencias de maiores, centros de día, espazos de lecer inclusivos e escolas infantís en diferentes municipios, así como un incremento do número de vivendas para menores tutelados, o desenvolvemento dun plan integral contra a pobreza, un reforzo dos equipos de valoración da discapacidade e dependencia, a gratuidade dos servizos de 0 a 3 anos, o reforzo da inspección en centros de atención residencial e de día, a gratuidade do SAF, o aumento dos fondos do Pacto de Estado contra a violencia machista ou máis casas de acollida para persoas con adiccións.
“Que fixeron vostedes con todo iso? Rexeitárono todo, proposta por proposta. E logo veñen falar de compromiso social”, concluíu.
Besteiro tamén se referiu na súa intervención a outras eivas graves que presentan os Presupostos en cuestións de tanta importancia como a educación. Nin as axudas aos comedores escolares, nin os programas para previr o abandono escolar, nin os libros de texto gratuítos, nin un programa de I+D+i para impulsar novas metodoloxías e investigación pedagóxica que propuxeron os socialistas contaron co apoio do Partido Popular no trámite orzamentario.
O portavoz socialista acusou aos populares de “non ser coherentes nin sequera na xestión das infraestruturas”. Nese senso, lembrou que foi o Partido Socialista o que trouxo as bonificacións ás peaxes das autoestradas estatais en Galicia e segue traballando para chegar á gratuidade. Mentres, a Xunta non inclúe partidas para equiparar os descontos nas autoestradas da súa titularidade. “Do mesmo xeito, rexeitan as achegas para parkings públicos nos hospitais ou os millóns que pedimos para arranxar viais autonómicos que son un perigo, as humanizacións de rúas que cruzan poboacións ou melloras nas estacións de autobuses”, engadiu.
Censurou, por outra banda, que da comercializadora pública de enerxía “que ía revolucionar o mercado e garantir enerxía limpa e barata” non queda “absolutamente nada, fume e máis fume”.
Segundo sinalou, é un caso similar á ausencia de impulso á economía, cun goberno “impasible e cómodo mentres o país se move sen dirección”. Besteiro recordou que Galicia medra menos que o conxunto de España mentres a única aposta visible de Rueda foi “chegar a apaños cunha macrocelulosa”. Pola contra, as propostas “serias” que traerían á comunidade industria e emprego, “todas rexeitadas”. Algunhas delas incluían investimentos en polígonos industriais, en políticas para fixar produción industrial e “dar aire” ao sector eólico.
Un 10 % para pagar débeda
O secretario xeral do PSdeG censurou que nese contexto a Xunta teña que dedicar o 10 % do seu Presuposto a pagar débeda. “Se a débeda fose unha Consellería, sería a terceira con maior orzamento”, afirmou. Reclamou máis “seriedade, xestión e compromiso co que é noso” e reclamou que Galicia decida “por si mesma” e aproveite a condonación dun terzo da débeda que lle está a ofrecer o Goberno do Estado.
“Señor Rueda, as contas de Galicia nunca cadran ben, non porque falten recursos, senón porque sobra obediencia a Madrid e falta valentía para defender o país”, insistiu.
Para Besteiro, pasa outro tanto coa facenda, cunha política fiscal centrada na renuncia a asumir a responsabilidade de “recadar e xestionar impostos”, en baixalos como “solución para todo”, cando a realidade é que os países “máis igualitarios e prósperos” non os reducen, senón que “os distribúen mellor”.
En canto a igualdade, o incremento de 1,2 millóns de euros do Presuposto “vén do Estado e Galicia achega menos da metade”. “Iso non é un compromiso decidido; é maquillaxe orzamentaria”, asegurou.
En cultura, as Contas insisten no “estancamento e desequilibrio estrutural”, consolidando un modelo excesivamente centralizado “que aposta polos grandes proxectos e esquece a creación de base e o tecido cultural local”, dixo, e sinalou que mentres a Cidade da Cultura absorbe 12 millóns de euros, “déixanse morrer proxectos de envergadura e a maioría dos concellos non dispoñen de financiamento suficiente para manter bibliotecas ou programacións culturais estables”. No referido concretamente á lingua, “priorízanse convenios e campañas simbólicas” e os proxectos de educación lingüística non superan o 10 % do presuposto. “Iso non é unha estratexia de normalización: é unha política de decorado”, afirmou Besteiro. En total, o presuposto para normalización está por debaixo dos 12 millóns de euros, “moi lonxe dos 17 cos que contou co Goberno de Touriño”, lembrou.
O portavoz socialista defendeu ao remate da súa intervención “outro modelo de medio rural” para advertir que, tras cen mil hectáreas arrasadas polo lume, non se reflicte nos Orzamentos “ningunha lección aprendida”. Fronte á “improvisación”, as emendas socialistas orientáronse a “reconstrución integral, prevención, planificación e respecto polos profesionais que coidan o territorio”, mais o PP “preferiu seguir no mesmo camiño errático”.
Sinalou Besteiro que o rural é “a primeira vítima da emerxencia climática”, e por iso reclamou un plan galego de descarbonización “realista e ambicioso, que combine sustentabilidade con emprego”, como tamén unha estratexia de renaturalización “que devolva a vida aos ríos e aos ecosistemas que formos degradando”.
Oito emendas de 3.606 en tres orzamentos
José Ramón Gómez Besteiro concluíu a súa intervención con datos que deixan moi patente a falta de interese de Rueda por escoitar: “Este ano presentamos 435 emendas, e nos últimos tres orzamentos, este Goberno recibiu 3.606. Só aceptaron oito, catro delas por correccións de redacción. “Señorías do PP, aceptar emendas non é un síntoma de debilidade; é un exercicio de responsabilidade política”, asegurou.
Medo e falta de vontade
Pola súa banda, a portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Elena Espinosa, acusou ao PP de confundir o goberno con “impoñer e pasar o rodete” ao rexeitar as 41 emendas presentadas polo Grupo Socialista ao Estado de Gastos. A responsable socialista advertiu que “o bloqueo constante demostra medo ao debate e falta de vontade para mellorar as leis”, mentres seguen empregando a maioría parlamentaria como “cheque en branco”.
Espinosa criticou que o PP presente unha proposta “pechada, impermeable a calquera achega da oposición” cando se trata de aportacións “construtivas, razoables e pensadas para mellorar o texto que afecta directamente á vida da xente”. Lamentou que “non aceptaran nin a primeira” das aportacións do Grupo Socialista, que entre outras cousas reclamaban que tiveran en conta ao persoal de extinción de incendios ou o reforzo do Fondo de Cooperación Local para os concellos.
As propostas do grupo socialista buscaban tamén facilitar a presentación de información ou a transparencia, impedir a diminución de créditos dos programas que financien servizos públicos. Acusou ao goberno galego de presentar uns orzamentos “maquillados, con pequenas partidas de escaparate para lavar a cara e dicir que apoian ao rural tras os incendios do verán, pero son incapaces de ter o Pladiga aprobado en prazo”.
Espinosa sinalou que 16 anos de gobernos do PP prexudicaron gravemente á calidade de vida dos galegos e as galegas, como vén de demostrar o Indicador Multidimensional da Calidade de Vida (IMCV) do Instituto Nacional de Estatística. Segundo este indicador, Galicia é a antepenúltima Comunidade Autónoma en niveis de calidade de vida, só por enriba de Canarias e Andalucía, con menor renda media, menor taxa de emprego e menor accesibilidade á sanidade pública.