
Paloma Castro reclama un texto que garanta un deporte “máis inclusivo e igualitario” e que sirva como ferramenta de resposta aos casos de odio e violencia
Chama a actualizar o texto para facer do deporte unha “ferramenta de convivencia”, que recoñeza a actividade física como un dereito esencial para a cidadanía
A portavoz de Deportes do Grupo Socialista, Paloma Castro, lamentou que a reforma da Lei do Deporte de Galicia aprobada hoxe polo PP supón “unha nova oportunidade perdida” para garantir un deporte “máis inclusivo e igualitario” que sirva como ferramenta fronte aos casos de odio e violencia. Así o dixo no debate final da Lei no Pleno do Parlamento, na que os socialistas se abstiveron nunha reforma que “introduce cambios innecesarios, redundantes ou desaxeitados”
Castro sinalou que a Lei “non mellora o anterior” e “introduce problemas novos”, e cuestionou a nova limitación de mandatos nas federacións deportivas que resulta “excesivamente uniformizadora”, non atende ás singularidades das disciplinas, é “pouco respectuosa coa liberdade asociativa” e incompatible coa norma estatal. Acusou ao PP de introducir estas limitacións para “apartar a determinados presidentes -de federacións – que non lles gustan sen explicar por que”.
Advertiu ademais que o goberno galego “pretende aplicar criterios de contratación pública propios do sector público” pero que é alleo ás federacións, ata o punto de “comprometer a súa operatividade e a calidade das competicións”. Engadiu que o texto inclúe un réxime sancionador que provoca “problemas de técnica lexislativa e de proporcionalidade”.
A responsable socialista reclamou unha “reforma profunda” na lexislación sobre o deporte “que poña ás persoas non centro” seguindo o camiño da Lei do Deporte estatal de 2022, ademais de garantir a modernización de estruturas e de darlle resposta a un sector que “leva anos pedindo cambios”. Do contrario, Galicia seguirá tendo unha norma “obsoleta”, que “nin garante igualdade, nin asegura inclusión, nin ofrece mecanismos eficaces contra a violencia ou a discriminación”.
O deporte como ferramenta de convivencia
Castro propuxo unha nova Lei do deporte galego que recoñeza esta actividade como un dereito esencial para toda a cidadanía, que debe contar con garantías de acceso ao exercicio físico “en condicións de igualdade, seguridade e dignidade”. Unha norma que poña o foco en definitiva no deporte como “ferramenta de convivencia, de paz e de loita contra a intolerancia”.
Pediu unha nova Lei que aposte pola “igualdade real”, e protexa neste sentido ás deportistas en situación de embarazo ou maternidade, que supoña unha ferramenta para o impulso do deporte feminino, acabando cunhas desigualdades que se perpetúan dende hai décadas. Puxo como exemplo que “sen unha reforma legal, ninguén vai garantir vestiarios adecuados para mulleres e nenas”.
Propuxo aplicar medidas de visibilización nos medios, mecanismos de apoio a clubes ou formación específica en igualdade, así como a defensa dos dereitos das persoas LGTBI, eliminando calquera forma de discriminación garantindo o deporte inclusivo. Pediu un marco lexislativo que abra as portas do deporte ás persoas con discapacidade, ademais de reforzar a cohesión territorial e social e garantindo a participación da cidadanía na vida das entidades deportivas.
A responsable socialista propuxo a creación do Estatuto da Persoa Deportista que defina claramente os seus dereitos e deberes e garanta a súa protección unha vez rematada a vida deportiva.