Carmen R. Dacosta critica que queiran “esconder” a nefasta xestión de Medio Rural nos incendios de Ourense negándose a informar no Parlamento da situación dos recursos contra incendios
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, cualificou hoxe de “indignante” que o PP teña rexeitado no Parlamento unha iniciativa socialista que pedía o “reforzo e mellora” da capacidade operativa dos distritos forestais deOurense antes do inicio da campaña do próximo ano. Acusou ao PP de negarse a dar conta da situación real dos distritos e dos traballos de prevención porque “algo teñen que ocultar”.
A responsable socialista advertiu que a Consellería do Medio Rural “fallou en Ourense” na prevención e planificación fronte aos incendios, co resultado de máis de 100.000 hectáreas queimadas recoñecidas polo goberno galego. Advertiu que ao negarse a asumir a dimensión do erro de xestión que levou á peor vaga de lumes dende que hai rexistros, sitúan a Galicia, e sinaladamente á provincia, no camiño de repetir a catástrofe.
Dacosta afeoulles a negativa a poñer en marcha un Plan extraordinario de recuperación e prevención que inclúa o reforzo dos medios contra os incendios forestais na provincia, incumprindo a recomendación da Comisión de Política Forestal de 2018 que reclamaba redistribuír estes recursos. Preguntou “que teñen que ocultar” para rexeitar esta iniciativa coa que pedía tamén un informe sobre a situación dos medios humanos e materiais e os traballos silvícolas por distritos.
Sinalou que o goberno galego deixou sen executar máis de 11 millóns de euros en prevención, deixando aos distritos sen as dotacións necesarias cando comezaba a campaña de alto risco, o que derivou en montes queimados, casas evacuadas, explotacións afectadas, vidas postas en risco.
Alertou da urxencia de mudar a estratexia de prevención e loita contra incendios de cara ao próximo ano, xa que “o problema está na planificación que se fai dos traballos e na dirección que debera impulsar e supervisar” e non nos traballadores que non dan feito coas tarefas de prevención polo desleixo do goberno galego, que os contrata en precario e coa campaña de lumes xa iniciada.