Silvia Longueira critica que “nin respectaron aos profesionais da información da TVG nin ao valor do servizo público que se supón ten que dar o ente”
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG no Parlamento de Galicia, Silvia Longueira, acusou hoxe á TVG de “desactivar” a información sobre a vaga de incendios deste verán. No debate dunha pregunta oral no Parlamento de Galicia, sinalou que na cobertura do ente público “non houbo nin impacto mediático, nin explicación e procura de responsables, e pasaron directamente ao esquecemento progresivo”.
Afeoulle que programas como o “Quen anda aí?” o 14 de agosto tan só dedicou aos incendios 13 minutos dos 170 que dura, e o “Hora galega” dedicoulle 8 minutos do total de 70 de duración. Sinalou que os galegos “precisaban” a información da peor vaga de lumes dende que hai rexistros, ademais de que a TVG tivo que mercar as imaxes ás multinacionais que traballan para eles porque as delegacións territoriais “están baleiras”.
Criticou que “nin respectaron aos profesionais da información da TVG nin ao valor do servizo público que se supón ten que dar o ente”, xa que os traballadores denunciaron que “tiveron que escoitar ‘recomendacións’ de como tiñan que afrontar a información da catástrofe”, por exemplo “gravando as imaxes dende un punto afastado para que o lume se vira dende lonxe”.
Longueira asistiu perplexa ás explicacións da directora xeral do ente, que xustificou que a información da TVG tiña pezas con visualizacións millonarias na aplicación Instagram, o que cualificou de “actitude irresponsable” por canto supón “outorgarlle ás redes sociais o valor absoluto da realización dun servizo público”.
Ademais, lembrou que a fenda dixital é “una realidade” nunha Galicia “envellecida”, co que están a “darlle as costas á xente maior, que non ten outra forma de contrastar a información que non sexa a través da televisión ou pola radio”.