Elena Espinosa alerta de que “non teñen ningunha previsión de contratar novo persoal para reforzar a atención primaria” e se limitarán a traspasar ao persoal doutros centros
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, denunciou a “farsa” do PP coa apertura do novo Centro de Saúde Olimpia Valencia de Vigo, que se limitará a traspasar persoal doutros centros “sen ningunha previsión de reforzar a atención primaria” con novos contratos. Espinosa presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade do Parlamento sobre unha xestión do goberno galego que “non ten nin pés nin cabeza”.
A responsable socialista levou ao Parlamento as denuncias dos sindicatos, que o pasado luns alertaban de que o centro “non vai supoñer unha descarga da sobrecarga asistencial nin mellorará os servizos sanitarios actuais”. Os representantes do persoal explicaron que a apertura prevista para o primeiro trimestre de 2026 “non está ligada a unha dotación de persoal propia”, limitándose a un “mero trasvase ” de plantilla que só provocará prexuízos á cidadanía e aos profesionais.
Espinosa alertou de que ademais do peche do Centro de Saúde de López Mora, que estaba previsto, a mediados deste ano admitiron que tamén ían pechar o Nicolás Peña, polo que esixiu que modifiquen o Plan Funcional do Sergas para manter a actividade sanitaria neste último centro e que manteñan a atención pediátrica en Coia, Pintor Colmeiro e o xa citado Nicolás Peña. Esixiulle ao xerente do Sergas que “vaian a Vigo a explicar” os seus plans reais para o novo centro.
Reclamou ademais que clarifiquen se o novo centro realmente vai contar con 12 novas prazas e en que especialidades, que de confirmarse “son insuficientes, porque o novo centro non vai contar cunha dotación propia de médicos de familia ou enfermaría, senón que van ser recolocados dos centros que pecharán”. Puntualizou que Vigo “necesita reforzar a súa Atención Primaria e non experimentos: para iso xa nos chegou o Álvaro Cunqueiro”.
A parlamentaria socialista criticou que o xerente non respondeu hoxe ás preguntas do Grupo Socialista, negándose a aclarar se a apertura do Olimpia Valencia suporá o peche do Centro de Saúde Nicolás Peña, e tampouco explicou que servizos de pediatría van ser trasladados ao novo centro, e nin sequera confirmou se van implantar algunha nova especialidade.
Espinosa emprazou ao PP a admitir que a Atención Primaria “non funciona” coa súa xestión, e engadiu que “a única forma de que funcione e non saturemos urxencias sen necesidade é contratando a máis profesionais, non movéndoos dun lado para outro”. Cualificou de “triste” que “o fabuloso traballo dos e das profesionais e o seu desmedido esforzo non está a ser valorado nin comprendido pola Xunta de Galicia”.
A responsable socialista criticou que o xerente do Sergas dixera hoxe que van ofrecer máis servizos “sen contratar un só novo profesional”, o que suporá “recargar de máis traballo a unha plantilla xa sobresaturada”. Criticou que o PP recorra sempre á falta de médicos cando a formación especializada aumentou un 54 por cento co goberno de Pedro Sánchez, e reclamou que “pensen como tratan aos médicos e as condicións que lles ofrecen” para que teñan que marchar.