A deputada do PSdeG Patricia Otero sinala na Comisión de Industria do Congreso que os nacionalistas “ou descoñecen a normativa ou a manipulan”, mentres o Goberno dixo non aos cartos públicos para a pasteira “coa lei na man”
A deputada socialista galega Patricia Otero defendeu hoxe na Comisión de Industria do Congreso que a concesión de axudas públicas ou a súa denegación debe facerse “coa lei na man” e non buscando “atallos que non son bos en democracia”. Fíxoo durante o debate dunha iniciativa a través da que o BNG pretendía esixirlle ao Goberno a exclusión de Altri de calquera tipo de subvención sen ter en conta a legalidade.
“Se unha cousa está clara, e é o que nos diferencia, é que nós nos movemos dentro da lei”, asegurou Otero. Fronte á demanda do representante nacionalista, a deputada do PSdeG instouno a aceptar que respecte o proceso de adxudicación de axudas, e recordou que o Goberno do Estado vén de denegarlle á sociedade promotora da planta de celulosa os 30 millóns que solicitara dentro da convocatoria do Perte de descarbonización.
“Non se lle deron os fondos porque non cumpría os criterios establecidos nesa convocatoria”, argumentou, para remarcar que “o Goberno falou claro e cumpriu coa legalidade”. Do mesmo xeito, advertiu ao PP que non se poden conceder subvencións públicas a un proxecto “a toda costa, sen mirar se cumpre os requisitos”, tal como están a reclamar os populares.
Patricia Otero insistiu, ademais, en que a posición do Partido Socialista respecto da instalación da factoría de Altri en Palas de Rei “é clara”. “O proxecto real non nos gusta, e digo proxecto real non aquel que nos presentou o señor Feijoo en 2021”, detallou en referencia aos cambios que se produciron nunha iniciativa que se vendeu en orixe coma unha fábrica de fibras téxtiles sustentables e acabou mudando nunha macrocelulosa.
“Nós respectamos os tempos, que en democracia son moi importantes, pero a vostedes cústalles entender iso”, censurou a parlamentaria socialista respecto do grupo propoñente. Mais “os feitos e o propio tempo están demostrando que estamos no camiño seguro”, remarcou.