A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista acusa ao PP de ocultar a dimensión real das listas de espera cun sistema opaco e maquillado
O Grupo Socialista reclama medidas eficaces e inmediatas para reverter unha tendencia que empeora desde 2019
A portavoz de sanidade do PSdeG, Elena Espinosa, acusou hoxe ao Goberno galego de “maquillar a realidade” das listas de espera e de “falta absoluta de compromiso coa saúde mental”, ao considerar urxente atender unha conduta suicida nun prazo de ata sete días. “De verdade esa é a gran aposta pola saúde mental en Galicia? Sete días para unha urxencia vital? É unha vergoña”, denunciou durante o debate dunha moción sobre as listas de espera no Servizo Galego de Saúde.
Espinosa advertiu no Parlamento de que Galicia é a segunda comunidade con máis persoas falecidas por suicidio e sinalou que os propios psiquiatras consideran que a intervención debe ser inmediata. “Dixo ben un deles: se se detecta e atende rápido, tes máis éxito. Pero o PP chama a iso atender en sete días. Xulguen vostedes”, afirmou.
A deputada socialista denunciou tamén a falta de transparencia da Xunta nas listas de espera: “Non abonda cunha rolda de prensa. Transparencia é dicir cantas persoas están nas listas non estruturais e deixar de especular se son un 30% ou un 60% máis das recollidas oficialmente”. E advertiu: “Mentres o PP non recoñeza a realidade, non poderá dar resposta ás necesidades asistenciais da cidadanía”.
Lembrou que o presidente Rueda prometeu melloras respecto ao ano 2019, pero “no 2024 todo empeorou: hai máis persoas agardando e os tempos de espera son máis longos”. E advertiu de que a precariedade esténdese tamén aos hospitais, “con cadros de persoal insuficientes”, como denunciou recentemente Amnistía Internacional, que alertou dunha caída do 5% no investimento sanitario.
Espinosa pediu á Xunta que actúe con sensatez e responsabilidade, sen escusas como a do envellecemento da poboación: “É un factor que hai que ter en conta, si, pero non pode ser a coartada para non facer nada. Hai máis pacientes crónicos, si, pero tamén hai máis medios tecnolóxicos e un persoal sanitario que dá o mellor de si”.
O problema, sinalou a socialista, é de accesibilidade, “e mentres o PP siga vivindo nunha realidade paralela, as listas de espera seguirán disparadas e a saúde mental seguirá abandonada”, concluíu.