A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, esixiulle hoxe ao goberno galego que poña en marcha unha investigación sobre “o acontecido durante a pandemia da Covid nas residencias de maiores de Galicia”. Ortega presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento sobre a especial incidencia do coronavirus nas residencias galegas.
A parlamentaria socialista lembrou que ata o momento a pandemia ten provocado 2.384 persoas falecidas en Galicia, 790 delas nas residencias de maiores, e que “a chegada das vacinas foi realmente o que logrou frear o desmadre do virus nos centros de atención residencial”. Ortega esixiulle ao goberno galego que cumpra coa “obriga democrática” de ofrecer información sobre os datos de incidencia da covid residencia a residencia.
Alertou que “dende o ano pasado solicitamos esta información” a través de “tódalas vías posibles”, unha información “á que temos dereito e que están censurando dende o goberno galego”. Preguntou ademais polo “secretismo” sobre o novo modelo de residencias, e esixiu “transparencia e información” cando “noutras comunidades autónomas xa teñen regulado un modelo cara a novas construcións de residencias”.
Marina Ortega esixiulle á conselleira de Política social que “non nos traten de parvos” e reclamou os datos desglosados por residencia, e recordoulle que “vostede non forma parte dunha empresa privada, é o seu deber como conselleira dunha administración pública autonómica”.
Protocolo específico
Marina Ortega reclamou hoxe un protocolo preventivo específico para enfermidades infectocontaxiosas no contexto residencial “primando a evacuación de todos os positivos a centros intermedios e hospitais segundo criterio clínico”. Presentou as demandas da Sociedade Galega de Xeriatría, en base aos estudios que apuntaban á redución da incidencia evacuando aos positivos a centros hospitalarios ou residencias intermedias.
Preguntoulle así á conselleira “por que non trasladaron ás persoas ás residencias integradas, deixándoas sen cubrir tódalas prazas, ou aos hospitais”. Denunciou a “prepotencia e frialdade” na xestión da Política Social por parte do goberno galego, a quen lle esixiu que “se deixen axudar, porque os tempos non están para vender fume nin para márketing, senón para remar todos xuntos a favor dos galegos e das galegas”.
Ortega puxo o foco así sobre a situación dunhas residencias que “xa arrastraban numerosas irregularidades na etapa pre – covid”. Esixiulle á conselleira de Política Social que explique “por que non tomaron medidas” logo do informe do Consello de Contas de 2018, alertando do incremento de prazas privadas mentres reducían significativamente as inspeccións, ou das numerosas denuncias de irregularidades por parte das traballadoras destes centros.
A parlamentaria socialista esixiulle ao goberno galego que incremente os equipos de Inspección dependentes do goberno galego e esixiulle que “pidan desculpas aos profesionais do sector por utilizalos politicamente con demagoxia barata”. Lembra que a día de hoxe continúa “sen recibir aos profesionais nin ás súas familias, ata o punto de que esta mesma semana pediron a súa dimisión por mentir reiteradamente”.