A portavoz de Comercio do Grupo Socialista, Leticia Gallego, esixiulle hoxe ao goberno galego que empregue as partidas adicionais enviadas polo goberno de España para facer fronte á crise para executar “un verdadeiro Plan de Rescate para o sector do comercio”. Gallego presentou unha pregunta oral fronte á “despreocupación total” do goberno de Feijóo diante da crise do sector provocada polo coronavirus.
Gallego advertiu de que o sector do comercio “non foi un sector prioritario para a Xunta de Galicia nin antes, nin despois da crise causada pola covid – 19”, o que evidencia polas “escasas e tardías” axudas liberadas polo Executivo autonómico. Sinalou que malia contar co maior Orzamento da historia, con 11.500 millóns de euros, grazas ás aportacións do Estado, só incrementaron a partida de comercio en 7 millóns de euros.
Lamentou o desinterese do goberno galego cara un sector que ten un de cada catro negocios en risco de peche, que en 2019 xa vira como pechaban 1.073 empresas, e que en 2020 perdeu outros 1.384 negocios de traballadores autónomos, e que só no pasado mes de xaneiro pecharon outros 836 negocios, unha media de 25 cada día.
Esixiulle ao goberno galego que “incremente o orzamento de axudas, e así poder salvar a este sector, ou do contrario vai desaparecer e vostedes serán os únicos responsables”. Esixiulle á Xunta que dispoña dos 224 millóns de euros entregados polo Estado a fondo perdido para os afectados pola caída da actividade económica, ou os 441 que percibirá este ano procedentes dos fondos da UE para a reconstrución.