A parlamentaria socialista Paloma Castro vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias nas que lle reclama á Xunta que leve a cabo unha inspección sobre o cumprimento dos protocolos covid de seguridade e desinfección no Complexo Hospitalario de Montecelo. A responsable socialista reclama o reforzo das medidas de limpeza e desinfección no centro que está a sufrir un gromo de infección.
A responsable socialista alerta da “falta de coordinación ou dilixencia coa que se está a actuar”, con actuacións “intolerables” por parte de medicina preventiva, que “están a poñer en risco ás persoas traballadoras e aos doentes”. Ademais, insta á Xunta a que lle solicite á Xerencia do hospital que “da explicacións sobre os gromos que xurdiron entre o persoal profesional e persoas usuarias deste centro”.
Castro sinala que, logo do gromo detectado hai 15 días, esta mesma semana foi detectado un novo caso de coronavirus que xa ten detectados 22 contaxios na Unidade de Oncoloxía, entre elas 6 pacientes, unha enfermeira e unha acompañante. Sinala que unha das traballadoras afectadas manifesta que o pasado 15 de outubro fixera un test rápido, e non foi ata o luns cando, ante a tardanza, fixo que comprobara a súa historia clínica, onde figuraba un positivo.
A traballadora, continúa, “púxose en contacto con medicina preventiva, onde responderon que non fixera caso, que había moito falso positivo”, cunha actuación que se une á xestión do gromo de hai 15 días, onde dúas compañeiras dun positivo tiveron que facer as PCR pola súa conta e non se lles decretou illamento ningún “porque a área preventiva non as considerara contacto estreito”.
Sinala que o persoal sanitario “amosou o seu malestar pola tardanza á hora de someter ás compañeiras e compañeiros do hospital a un cribado e expresan a súa preocupación pola carencia de persoal sanitario no centro pontevedrés e pola falla de medidas hixiénicas e de seguridade que están a poñer en risco a súa saúde”.