A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, denunciou equiparou hoxe á conselleira de Medio Ambiente co coello de Alicia no País das Marabillas porque “sempre chega tarde” na regulación da xestión de residuos. Así o dixo logo de coñecer o veto por parte do PP a unha proposta socialista pedindo un novo Plan de Xestión de Residuos Urbanos que actualice o do goberno galego, xa “obsoleto”.
Criticou que “o goberno galego acórdase no tempo de desconto” dos obxectivos de xestión de residuos fixados pola UE, recoñece agora “o seu propio suspenso na xestión de residuos e bótalle a culpa aos concellos”. Mentres, a Comisión Europea informa de que “Galicia non chega nin ao 20 por cento da reciclaxe dos residuos municipais” cando esixen o 50 por cento.
A responsable socialista acusou á conselleira de representar o negacionismo ao cambio climático e de defender todo “cara a galería” e de defender un Plan de Xestión de Recursos 2010-2022 que “fracasou e sigue fracasando”, e que obvia as campañas de concienciación e prevención.
Neste sentido, afeoulle que logo de 9 anos da implantación do anterior Plan, e logo de ter anunciado 11 plantas de compostaxe e xestión de residuos, a realidade é que “só teñen construída unha delas e non hai ningunha funcionando”. Criticou o “cinismo” do goberno galego ao “dicir agora que defenden a reutilización, reciclaxe e separación de residuos logo de 10 anos de non tomar ningunha medida neste sentido.
Pediulle ao goberno galego que limite a incineración dos materiais non reutilizables nin reciclables. Amosou así a súa preocupación de cara a grave situación á que a xestión do goberno galego aboca a Galicia de non tratar de forma axeitada a recollida dos distintos tipos de residuos e esixiulle á Xunta o fomento inmediato dunha nova vida da materia orgánica que proporcione a creación de compost.
Proposta
A proposta presentada hoxe polo Grupo Socialista esixíalle á Xunta actuacións de prevención, educación e concienciación ambiental que melloren a eficiencia enerxética e o cambio climático. Vilán incluíu o axeitamento da xerarquía establecida na Directiva 2008/98/CE, a defensa de menor xeración e máximos niveis de reciclaxe cunha incineración limitada a materiais non reutilizables nin reciclables, así como a eliminación dos vertedoiros.
Amosou, tamén, a intención de facer de Sogama un modelo de xestión complementario por outros máis próximos no territorio e residual con relación a novas plantas de reciclaxe, compostaxe, separación e valorización anexas, de forma que só o rexeito das mesmas sexa tratado na planta de Cerceda.