A portavoz de Facenda e Administración Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou hoxe a falla de consenso na Lei de Espectáculos públicos e actividades recreativas, que comezou hoxe o trámite parlamentario. A responsable socialista presentou as 45 emendas que presentan os socialistas a un texto “necesario pero insuficiente”.
Rodríguez Rumbo reclamou un texto “claro e transparente, consensuado co sector, adaptado á realidade do país e que compile a normativa” sobre esta competencia. Sinalou que Galicia é a última Comunidade Autónoma en regular os espectáculos, malia que dispón da competencia dende 1995 e conta con 9 normas diferentes emitidas polo goberno galego sobre a mesma materia.
Explicou que as 84 propostas socialistas trasladan as demandas do sector, as asociacións de veciños, asociacións de consumidores e usuarios e concellos que non incluíu o goberno galego e están dirixidas a mellorar o contido do texto. Apuntou que a Xunta apenas avisou a 9 organizacións, recibiu 53 alegacións de 6 delas e só aceptaron parcialmente unha proposta, mentres só admitiron 4 das 13 propostas remitidas pola Fegamp.
Informes preceptivos
A parlamentaria socialista advertiu ademais que o texto foi presentado sen incluír informe da Comisión Galega de Cooperación Local, malia que obriga aos concellos a asumir novas competencias sobre a materia pero sen incluír recursos adicionais. Así, os gobernos locais deberán asumir a regulación de horarios, autorizacións extraordinarias, inspección e control ou a incoación de expedientes sancionadores.
Reclamou ademais a incorporación do informe do Consello Económico e Social, xa que, segundo sinala o propio goberno galego, afecta ao desenvolvemento social e económico de Galicia. Explicou que de acordo co IGE, as actividades artísticas, recreativas e outros servizos supoñen o 3,5 por cento do PIB, representan o 7,8 por cento dos postos de traballo e o 7,32 por cento das horas traballadas en Galicia.