A Xunta presenta menos da metade das leis que anunciou para 2017

A Xunta presenta menos da metade das leis que anunciou para 2017

A Xunta presenta menos da metade das leis que anunciou para 2017

O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, censurou hoxe o incumprimento das previsións lexislativas autoimpostas polo goberno galego para o ano 2017. No debate dunha pregunta oral en Comisión parlamentaria, criticou a “política de selfies con excesivo autobombo” co que a Xunta presentou os seus plans para o ano pasado.

Díaz Villoslada criticou así a “manifesta desidia ou incapacidade do goberno galego para dar cumprimento aos seus propios compromisos lexislativos”, xa que de acordo co Plan presentado polo Consello da Xunta en maio, das 11 leis previstas tan só presentaron 5, e de 69 decretos só puideron aprobar 34. Sinalou que polo camiño quedaron sen presentar a regulación sobre patrimonio natural, ordenación farmacéutica ou mesmo a Lei de emprego de Galicia.

Outras delas, como a Lei de Iniciativa Empresarial, foi presentada finalmente como Proposición de Lei a través do Grupo Parlamentario do PP e non do goberno galego “para salvar informes que se lle requirirían de ser tramitada como Proxecto de Lei”.

Tampouco presentaron decretos relevantes como o desenvolvemento da Lei do Deporte, ou previsións regulamentarias como a coordinación dos policías locais, control de servizos públicos, o desenvolvemento da normativa de transporte público en turismos, vivenda protexida, servizos sociais ou a Risga.

Lei de acompañamento

Contrastou esta dificultade normativa coa voracidade coa que modifican textos lexislativos a través das leis de acompañamento aos orzamentos. Así, dende 2010, modificaron “pola porta de atrás” un total de 70 leis, 21 delas en 2017 e outras 20 nos Orzamentos de 2018. Díaz Villoslada comparou o uso deste mecanismo polos gobernos de Feijóo coa actuación de Pérez Touriño, que non o utilizou “nunca”.

Advertiu que incluso chegan a “adulterar” as súas propias leis de acompañamento a través de emendas presentadas polo PP no trámite parlamentario. Denunciou que “se queremos calidade democrática” deben deixar de utilizar estras “leis paraugas” utilizadas para baleirar de capacidade lexislativa ao Parlamento e utilizalas unicamente para regular medidas financeiras e orzamentarias vencelladas coas contas da Comunidade Autónoma.

Corrupción

Ademáis, Díaz Villoslada acusou ao goberno galego de facer un “uso absurdo” dos mecanismos de loita contra a corrupción. Así o dixo en Comisión parlamentaria logo de que o responsable da Asesoría Xurídica da Xunta cualificara de “absurdo” que os socialistas preguntaran polos sistemas de prevención da corrupción, control interno e xestión de riscos implantados pola Xunta nas entidades dependentes.

O responsable socialista sinalou que esta resposta supón unha “mostra palpable da falla de compromiso e confianza do goberno galego nos novos compromisos contra a corrupción”. Engadiu que “non podemos admitir que a pregunta se considere absurda polo goberno galego, salvo que sexa absurda a súa acción política nos mecanismos para previr e loitar contra a corrupción”.

Díaz Villoslada chegou a comparar as respostas do goberno galego coa novela de Kafka “O Proceso” cando lle responderan previamente por escrito que “hai que agardar ás novas directrices da nova Lei de Contratos para ver que mecanismos de control e prevención se poden implantar”.

Advertiu que o goberno galego “debera ser o máis interesado en analizar os sistemas de prevención e loita contra a corrupción e a fraude”, xa que se trata da segunda preocupación da cidadanía, e lembrou a súa obriga de coordinarse co Consello de Contas logo de que este asumira novas competencias na materia.

Este órgano fiscalizador advirte precisamente, lembrou, de que a Xunta non ofrece información sobre os plans de racionalización do sector público, e que a única fonte remítese ás notas enviadas aos medios de comunicación logo dos consellos do goberno galego.

Sinalou que de acordo co Consello de Contas, nos anos 14 e 15, a pesares dunha redución neta do 32 por cento das entidades públicas, isto supuxo un aforro de apenas 13 millóns de euros, o que supón “menos do un por cento dos fondos xestionados por elas”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar