O portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, acusou hoxe á Xunta de impoñer “requisitos demasiado restritivos” para regularizar as vivendas de uso turístico. O responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Industria celebrada hoxe na que tomou o argumento da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia contra o decreto da Xunta que regula esta actividade.
O responsable socialista sinala que a Xunta respondeu á necesidade de regular esta nova actividade cunha regulamentación -o Decreto 12/17- feita eludindo un diálogo construtivo co sector e os concellos, co obxecto de “dificultar o seu cumprimento nos termos establecidos”.
Advertiu que o decreto, que entrou en vigor o pasado 10 de maio, “non recolleu máis que queixas dos propietarios, que chegaron a presentar un recurso fronte ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e requirimentos en contra da propia Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia.
Lamenta que o goberno galego “teña perdido a oportunidade de establecer unha normativa fácil e clara de cumprir, que regule unha nova demanda compatible con outras ofertas tradicionais” e que ten “reservado un importante papel dentro do turismo”, imprescindible para “evitar que os potenciais usuarios non fuxan a outros destinos”.