Tres millóns de euros "a dedo" para os organizadores de "O Son do Camiño"

Tres millóns de euros "a dedo" para os organizadores de "O Son do Camiño"

Tres millóns de euros “a dedo” para os organizadores de “O Son do Camiño”

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta explicacións pola concesión “a dedo” do contrato de 3 millóns de euros para organizar o festival de música “O Son do Camiño”. Burgo acusa ao goberno galego de presentar un “burdo subterfuxio para vestir de legalidade o que son prácticas escuras” para garantir a exclusividade das empresas.

Burgo sinala que o goberno galego preocupouse de garantir o monopolio e exclusividade a unha UTE para garantirlles o contrato sen concurso público nin aberto “por motivos que deben explicar urxentemente”. Apunta que estas “prácticas escuras só atenden á vontade política do PP e provocan serias e preocupantes dúbidas sobre a xestión cultural do próximo Xacobeo”.

Explica que “na Plataforma de contratos públicos é imposible atopar os pregos de cláusulas administrativas nin de prescricións técnicas, e na resolución da adxudicación non existe ningunha concreción do que a administración está mercando por 3 millóns de euros”.

A responsable socialista puntualiza que “non dubidamos da profesionalidade das empresas adxudicatarias nin do interese do cartel que poidan presentar” pero, sinala, trátase dun “procedemento absolutamente inaceptable”.

Ademais, sinala, con este procedemento “os beneficios van chegar a moi poucas empresas e repartirse de forma moi inadecuada, no que pode ser unha xestión moi prexudicial para un sector formado por pequenas empresas sensibles a cambios na estrutura do mercado”.

As empresas Old Navy Port Producións S.L. e Esmerarte Industrias Creativas S.L., explicou, conforman a UTE beneficiaria deste macrocontrato cultural logo dun proceso que comezou o pasado mes de abril. Daquela, o presidente da Xunta se entrevistara cun dos propietarios das empresas para tratar a creación dun novo festival de música como acontecemento previo ao Xacobeo.

A continuación, no mes de xuño, a empresa Old Navy Port solicitaba a marca “O Son do Camiño” no Rexistro de Patentes e Marcas, que era concedida o 28 de novembro, “a tempo para recibir, dous meses despois, o contrato de 3 millóns de euros”. A comezos de febreiro, o propio Feijóo e a directora xeral da Axencia de Turismo anunciaban felizmente que se realizaría o festival “O Son do Camiño” como propio da Xunta de Galicia, pero a resolución sería concedida o 21 de febreiro.

A escusa da Axencia de Turismo para conceder a adxudicación polo procedemento negociado sen publicidade foi, “sorprendentemente”, que a UTE “ostenta os dereitos de exclusividade do festival O Son do Camiño, e dos artistas e grupos musicais de renome internacional”. Burgo denuncia que se trata dun “claro subterfuxio para darlle visos de legalidade” á concesión.

Advirte que “non é certo ademais que as empresas teñan a exclusividade dos artistas e grupos”, como “pode comprobarse nas súas web ou falando con calquera outra empresa do sector”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar