Gonzalo Caballero reivindica "o compromiso do socialismo coa igualdade" e chama a "dar a batalla" con "ideas e valores"

Gonzalo Caballero reivindica "o compromiso do socialismo coa igualdade" e chama a "dar a batalla" con "ideas e valores"

Gonzalo Caballero reivindica “o compromiso do socialismo coa igualdade” e chama a “dar a batalla” con “ideas e valores”

O secretario xeral do PSdeG xulga que Feijóo “erra” ao non apoiar o paro do 8 de Marzo e ve “esperpéntico” que sexa Baltar quen se sitúe “na vanguarda do PP”

 

Santiago, 24 de febreiro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou este sábado nunha xornada de celebración do Día da Muller, onde chamou a “dar a batalla” con “ideas, valores e argumentos” para acadar a “igualdade” que se sitúa no cerne do socialismo.

 

Non en van, reivindicou o traballo do seu partido a prol desa causa e, particularmente, na defensa dos dereitos da muller. Por iso chamou a “actuar dende os poderes públicos” para combatir a fenda salarial que aínda persiste entre homes e mulleres e que desemboca en inferiores prestacións por desemprego e en pensións peores.

 

Non perdeu de vista, cunha óptica “internacionalista”, que a discriminación que sofren as mulleres é “moi dura” noutros lugares do mundo, onde as mulleres carecen de liberdade e ven determinado “o seu futuro”.

 

En paralelo, o líder dos socialistas galegos puxo o foco na importancia de “visibilizar a importancia das mulleres” co paro do próximo 8 de Marzo e lamentou que o PP teña decidido non participar. “Erra”, reprobou, ao “non ser sensible” con esta causa.

 

Dito isto, Gonzalo Caballero xulgou “esperpéntico” que sexa Baltar quen se sitúe “na vangarda do PP” ao apoiar o paro en contra do criterio do seu partido. “Deixa atrás de forma sorprendente a Rajoy e a Feijóo”, ironizou, non sen lamentar “o PP que temos”.

 

“UNHA SOCIEDADE MÁIS XUSTA”

 

Na inauguración da xornada ‘Galegas no século XXI’ participou tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen aludiu á importancia da loita pola igualdade.

 

“É cuestión de principios e valores. Somos socialistas porque somos feministas”, proclamou Carmela Silva, dende o convencemento de que “a loita da esquerda é a loita pola igualdade”.

 

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, apuntou que non só a fenda salarial “ten nome de muller”, senón que tamén o ten, por exemplo, “o coidado dos maiores e dos pequenos”.

 

A maiores, criticou que “á dereita, vístase de azul ou vístase de laranxa, séntanlle mal os movementos” en favor “dunha sociedade máis xusta”, como o que impulsa a igualdade entre homes e mulleres.

 

XORNADAS DE IGUALDADE

 

Na xornada que se celebrou este sábado en Santiago de Compostela, no mesmo día que se conmemora o 181 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, desenvolvéronse dúas mesas de traballo, centradas no papel das mulleres na política e na sociedade.

 

A primeira delas, moderada pola secretaria xeral do PSOE de Santiago, Mila Castro, agrupou á presidenta da Comisión de Igualdade do Congreso, Pilar Cancela; á primeira muller Presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino; á primeira Concelleira de Muller en Galicia, María Xosé Porteiro; á exsecretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara; e á vicesecretaria xeral de Igualdade do PSdeG, Icía García.

 

O segundo foro, baixo a batuta da voceira de Igualdade do PSdeG no Parlamento de Galicia, María Pierres, reuniu á presidenta de Érguete Integración, Carmen Avendaño; á presidenta de Fademur, Rosa Arcos; á coordinadora do Programa Woman Emprende da USC, Eva López; e á Vicepresidenta Primeira da Academia Galega do Audiovisual, Tamara Canosa.

psdeg

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar