Aprobada a nosa proposta para adiantar a 2018 a incorporación dos portos galegos ao Corredor Atlántico

Aprobada a nosa proposta para adiantar a 2018 a incorporación dos portos galegos ao Corredor Atlántico

Aprobada a nosa proposta para adiantar a 2018 a incorporación dos portos galegos ao Corredor Atlántico

O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para adiantar a 2018 a incorporación dos portos de Vigo e A Coruña ao Corredor Atlántico de Mercadorías por ferrocarril. O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, defendeu esta proposta para reclamarlle a Feijóo que “dea a batalla” fronte ao Ministerio de Fomento.

O responsable socialista presentou esta proposta logo de constatar que as obras da conexión de Galicia, previstas para o ano 2018, foran adiadas ata 2027 de acordo coas informacións do goberno central. Lembrou que o portavoz da Dirección Xeral de Mobilidade e Transportes da UE, Carlo de Grandis, sinalou que a conexión Monforte – Palencia era prioritaria para a UE, pero que o problema era de Fomento e a Xunta.

Explicou que “xa que o presidente da Xunta di que para el si que é prioritaria, entón o problema debe estar en Fomento, por iso poñemos o acento” en dirixirse ao Ministerio e “facer todo o posible para que a incorporación á planificación teña lugar en 2018, para que poida ser financiada a partires de 2021 e non agardemos ata 2028”.

Sinalou que de acordo cos regulamentos comunitarios, a conexión de A Coruña e Vigo aparece relacionada coa rede básica -1316/2013- “pero non nos corredores, que é o que financia a UE”. Ademais, no regulamento 1315/2013 sinalan as conexións de A Coruña coa rede marítima e Vigo coa marítima e aérea pero non ferroviaria, e só sinalan a Monforte, pero “dentro da rede global e non na básica”.

A proposta aprobada hoxe reclama defender a redefinición do Corredor Atlántico de Mercadorías incorporando e priorizando a conexión ferroviaria dos portos de Vigo e A Coruña co trazado español actual a través de Monforte, León e Palencia. Advertiu que esta conexión resulta fundamental para “modificar o perfil de especificación dos tráficos de mercadorías e pasar a unha dimensión diferente” mellorando a súa competitividade.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:

1. Defender a redefinición do Corredor Atlántico de Mercadorías, de xeito que incorpore e priorice a conexión ferroviaria dos portos galegos de Vigo e A Coruña co seu trazado español actual, a través de Monforte, León e Palencia.

2. Demandar do Goberno de España que defenda nas instancias europeas esta redefinición do Corredor Atlántico de Mercadorías.

3. Impulsar a colaboración doutras comunidades autónomas, concellos e deputacións provinciais para facer avanzar esa proposta.

4. Establecer o ano 2018 como referencia para acadar esta redefinición, de xeito que poida incluírse o seu financiamento no próximo período comunitario de programación.

5. Demandar do Goberno de España que dea traslado desta demanda á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo, ao Consello Europeo, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións.

6. Dar traslado deste acordo aos gobernos e parlamentos autonómicos de Asturias e Castela León, para continuar avanzando na fronte común iniciada coa declaración institucional conxunta de apoio e impulso á modificación do Corredor Atlántico asinada polos tres gobernos autonómicos en Santiago de Compostela na data 9 de outubro de 2017.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar