O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, lamentou o veto do PP á proposición non de Lei que presentou hoxe na Comisión de Agricultura para pedirlle ao goberno galego unha liña de axudas específicas para facer fronte aos danos ocasionados polo xabaril nas explotacións e os cultivos. Lembra que de acordo con UUAA, estes danos ascenden a 15 millóns de euros só na campaña 2017-18.
Pérez Seco alerta do “enorme incremento dos custes nas explotacións agrícolas e gandeiras profesionais” como consecuencia do desleixo do goberno galego á hora de aplicar medidas “proporcionais e eficaces” que “permitan unha convivencia equilibrada e sostible desta especie animal con outras especies e coas actividades económicas, sociais e medioambientais do noso contorno”.
Explica que o abandono de terras e do medio rural, e a escasa incidencia en Galicia do lobo, o seu único depredador natural, provoca un “excesivo incremento da poboación do xabaril, un mamífero cunha grande capacidade de desprazamento e adaptación a todo tipo de hábitats”.
Alerta dos graves problemas económicos que ocasiona nos cultivos, afectando maioritariamente ao millo -55 por cento-, ás pradeiras -35 por cento- e tamén ás horas e outras producións como a vide ou a castaña -10 por cento-. A maiores, sinala, prodúcense danos en bens públicos de axardinamentos e zonas deportivas e incluso problemas de seguridade viaria, con 1.100 atropelos ao ano en Galicia, cuns 4 millóns en danos a vehículos.
Pérez Seco reclamou pedirlle ao goberno que realice un censo da poboación do xabaril e a súa distribución xeográfica e a posta en marcha dun plan de xestión dirixido a estabilizar a súa poboación. Ademais, propoñen reformar a Lei de Caza de Galicia para regular a colaboración entre cazadores e produtores agrarios para protexer os cultivos, obrigando á incorporación de plans de prevención de danos aos TECOR dentro do Plan de ordenación cinexética.