O portavoz da Executiva do PSdeG denuncia o “cinismo absoluto” do Goberno galego: “En Galicia non tivemos un Goberno nestas semanas, tivemos un batallón de propaganda. E a propaganda non vai frear as lapas nin evitar que volvan. Queremos un Goberno que actúe, que dirixa e que solucione”
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, compareceu hoxe na sede nacional do partido visiblemente preocupado pola vaga de lumes que segue castigando Galicia. Dende o primeiro momento quixo deixar claro o agradecemento “infinito” dos e das socialistas a todas as persoas que loitan contra o lume: profesionais que dirixen e actúan en primeira liña, veciños e veciñas que se botan ao monte para axudar, e tamén voluntarios que, sen preguntar, póñense ás ordes dos equipos de extinción. “Son un luxo como país e nunca lles poderemos agradecer o suficiente o que están facendo”, dixo.
Torrado advertiu de que, a pesar de que a meteoroloxía pode xogar a favor nos próximos días, “os lumes seguen vivos e o perigo continúa”. Pediu, por iso, manter a prudencia. “É moi humano querer agarrarse á esperanza, pero non podemos confiarnos. A realidade é dura: aínda hai risco e moito traballo por diante”.
“Galicia non estaba preparada”
Na súa intervención, o socialista foi contundente: “Galicia non estaba lista para unha vaga de lumes desta magnitude. E isto sábeno xa tristemente todos os galegos e galegas, porque o vimos cos nosos propios ollos estes días”, afirmou.
Criticou a actitude do presidente Alfonso Rueda, a quen acusou de converter o cinismo nunha forma de gobernar. “Cada día, en cada declaración, só oímos a mesma música: atacar ao Goberno de España, mentres el esquiva responsabilidades e evita dar respostas. Iso non apaga incendios, iso só xera crispación”, reprochou.
E puxo exemplos do que Rueda debería aclarar: “O plan galego contra incendios anunciouse “a bombo e prato” con 7.000 efectivos, pero en realidade contaba con pouco máis de 5.000, e finalmente apenas había 4.000 dispoñibles. De tres datos, só un pode ser certo… así que alguén mentiu”, apuntou.
Tamén lembrou que se perderon máis de 8 millóns de euros en fondos europeos para prevención en zonas de alto risco, que había motobombas paradas por falta de persoal e que mesmo se mandaron bombeiros para a casa, mentres se pedían efectivos ao Estado, ata que os medios de comunicación destaparon a situación. “Non sabemos quen deu esa orde, pero alguén debería asumir responsabilidades”, engadiu.
A “consellería de propaganda”
Torrado tamén cargou contra o uso da Televisión de Galicia durante a crise: “A única consellería que funcionou a pleno rendemento foi a de propaganda. A televisión pública converteuse, unha vez máis, en altofalante das loas ao presidente, mentres o monte ardía. É unha falta de respecto para os traballadores e, sobre todo, para toda Galicia”.
Chamamento á responsabilidade
O portavoz deixou claro que agora a prioridade é controlar os lumes. “Haberá tempo para analizar todo con detalle, pero hoxe o importante é salvar o que queda e protexer á xente”, subliñou. Iso si, advertiu que o presidente Rueda terá que dar explicacións no Parlamento, como xa dixo o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro. “Non se entenderá que non queira comparecer. Ten que explicar por que Galicia non estaba preparada e que pensa facer para que isto non se repita nunca máis”, esixiu.
E engadiu unha reflexión: “Non podemos permitir que os lumes de agosto acaben en promesas que se esquecen en setembro e outubro. Iso xa pasou demasiadas veces nesta década, e por iso estamos como estamos”.
Compromiso do PSdeG
Finalmente, Torrado garantiu que o PSdeG seguirá presente no territorio, colaborando con todas as administracións e poñendo medios á disposición sempre que sexa necesario. Pero tamén lanzou un aviso directo ao Goberno galego:
“En Galicia non tivemos un Goberno nestas semanas, tivemos un batallón de propaganda. E a propaganda non vai frear as lapas nin evitar que volvan. Queremos un Goberno que actúe, que dirixa, que solucione. Aínda están a tempo, pero teñen que poñerse a traballar de verdade”.