
O socialista denuncia que o PP pecha a porta a calquera proposta para mellorar os servizos públicos e ignora as necesidades reais de Galicia
Torrado ironizou con que “se do único que se congratula o PP é de ter presentado os orzamentos en prazo, é porque non ten nada bo que dicir do seu contido: “Máis nos valería que a Xunta fose igual de puntual co Pladiga, para evitar que Galicia volva arder”
O voceiro da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, cualificou hoxe os Orzamentos da Xunta para 2026 como “os orzamentos da soberbia”, logo de que o Partido Popular rexeitase de maneira sistemática as emendas presentadas polo PSdeG no Parlamento de Galicia.
Segundo Torrado, o comportamento do PP durante a tramitación orzamentaria evidencia “unha actitude de desprezo absoluto ao debate democrático e á posibilidade de mellorar uns orzamentos claramente insuficientes”. “Non estamos ante uns orzamentos dialogados nin abertos á sociedade, senón ante un documento pechado, imposto desde a maioría absoluta e alleo á realidade que viven milleiros de galegos e galegas”, advertiu.
O voceiro socialista criticou que o Goberno galego optase por rexeitar emendas que buscaban reforzar ámbitos clave como a sanidade, a educación, os servizos sociais, a vivenda ou o apoio ao tecido produtivo, “emendas sensatas, realistas e necesarias, pensadas para dar resposta a problemas concretos”.
Torrado subliñou que “cando se rexeitan todas as propostas alleas, o que se está dicindo é que non hai vontade de escoitar” e acusou á Xunta de gobernar “desde a autosuficiencia e a propaganda”, pero non desde a responsabilidade. “Son os orzamentos dun Goberno que cre telo todo feito e que non admite correccións, aínda que a realidade demostra xusto o contrario”, engadiu.
Ironizou con que “se do único que se congratula o PP é de ter presentado os orzamentos en prazo, é porque non ten nada bo que dicir do seu contido”, e advertiu de que cumprir o calendario non pode ocultar que se trata duns malos orzamentos. “Máis nos valería que a Xunta fose igual de puntual co Pladiga, para evitar que Galicia volva arder, en vez de presumir de datas mentres falla no esencial”, sentenciou.
Tamén lamentou que o PP perda unha oportunidade máis para consensuar uns orzamentos que respondan ás necesidades reais do país e advirte de que “Galicia non pode permitirse uns orzamentos que nacen sen diálogo, sen ambición social e cunha clara falta de empatía cos problemas da xente”.