Acusa ao dirixente do PP de eludir “por dúas veces” responder da ocultación da denuncia por agresión sexual contra o seu conselleiro do Mar para protagonizar “unha das actuacións máis lamentables que lembramos” na sesión de control do Parlamento
Valora a resposta “contundente e áxil” do secretario xeral do PSOE para darlle resposta aos cidadáns e militantes “frustrados e cabreados” cunha reacción “a diferenza do PP, sen abrazos, sen aplausos e sen homenaxes a quen non os merece”
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, fixo balance hoxe da semana política, que evidenciou un Rueda que deixa Galicia “sen goberno nin gobernantes” ao “gardar silencio diante dos problemas da política galega”. Tamén fixo unha valoración da intervención “contundente e áxil” amosada onte polo secretario xeral do PSOE e presidente do goberno.
Criticou que Rueda opta polo “escapismo e silencio” cando “máis que como presidente, exerce como soldado do PP incapaz de darlle resposta ás necesidades de Galicia”, como son a situación xerada por ter ocultado a denuncia por agresión sexual contra o xa ex conselleiro do Mar durante preto de cinco meses. Sinalou a falla de resposta diante da supresión do máster de Matemáticas, o problema co redeseño da Facultade de Medicina ou os recortes na sanidade pública previstos para o verán.
Criticou en primeiro lugar que o presidente da Xunta eludira “por dúas veces” responder do caso “político, persoal e xudicial” que afecta ao ex conselleiro Villares cando formaba parte do goberno galego. Censurou que Rueda “non dixera nada” durante os preto de cinco meses nos que coñeceu da denuncia por boca do responsable do Mar, para presentarse no Parlamento a protagonizar “unha das actuacións máis lamentables que lembramos” na última sesión de control.
Acusou a Rueda de cruzar “liñas demasiado vergoñentas” ao tratar de virar o caso que afecta ao núcleo do seu goberno nunha “acusación sobre o propio José Ramón Gómez Besteiro logo dun calvario xudicial de anos no que “se exploramos as formas e ás persoas do PP, Rueda incluído, algúns poderían estar sancionados e escapados en Ponferrada”.
Reclamoulle ao presidente da Xunta que da resposta á situación do sistema universitario galego provocada pola decisión do goberno do PP de suprimir o máster de Matemáticas, e o “problema evidente” provocado co redeseño dos estudos de Medicina. Esixiulle que responda dos 10 anos nos que evitaron implantar ningunha das medidas asinadas en 2015 e urxiu a explicar “como redistribuír os estudos, cando deberiamos falar dun novo modelo de estudos de Medicina”.
Finalmente, acusou ao PP de “asumir e seguir para adiante” co recorte de prazas sanitarias no verán, que anticipan “novamente problemas na asistencia sanitaria”. Lembrou as manifestacións ao longo de toda a xeografía galega reclamando unha sanidade de calidade, sinaladamente en Burela, onde onte tivo lugar unha gran manifestación reclamando unha área sanitaria propia para resolver os problemas de listas de espera e falla de recursos no Hospital da Mariña.
Reacción contundente e áxil
O responsable socialista salientou a “reacción contundente e áxil” do secretario xeral do PSOE coa expulsión do xa ex secretario de Organización, que fixo “sen abrazos, sen aplausos e sen homenaxes a ningunha persoa que non parece merecelos en ningún caso”, en alusión á despedida do ex conselleiro do Mar do PP denunciado por agresión sexual. A partir de aí, salientou a decisión de iniciar unha auditoría externa e reestruturar a dirección do partido.
Sinalou que os socialistas “seguiremos actuando para reducir a cero o nivel de corrupción en tódolos ámbitos” logo de coñecer esta situación que os ten sumido na “estupefacción e decepción”, e logo da que se amosan “frustrados e cabreados”, unha reacción que ten “toda a lóxica e a razón”. Sinalou que “o país necesita da política, do goberno e das accións de goberno”, polo que “corresponde gobernar para seguir mellorando a vida dos cidadáns”.
Salientou a “decepción” xerada por este caso que se coñece “nun clima de toxicidade enorme” na política española, abonado pola dereita e ultradereita a un nivel “insoportable” cando o goberno levou ao país a liderar os datos económicos ata convertelo en referencia internacional, con datos históricos de emprego.